Esta parroquia aparece denominada na Idade Media como “Castelo”, nome que perdura no topónimo referenciado perto do actual Centro Social (antiga escola unitaria) e nunha casa do lugar. A igrexa de San Xulián, arredada da ruta xacobea, amosa o vencello deste territorio co Mosteiro de San Xulián de Samos e eclesiásticamente, xunto con Barán e Ortoá, formou parte do Arciprestado de Paradela ata 1890. A freguesía era cabeza da xurisdición señorial da Torre de Domiz e non foi ata 1840 cando pasou a formar definitivamente parte do Concello de Sárria.
O “Camiño de Portomarín“, nome popular deste treito do camiño xacobeo, pasado o lugar de Nabáis/Nabás (de Ortoá) entra en Meixente polo lugar de Mouzós, onde ten cruzamento co Camiño Francés de Lugo a Monforte, que dende a Ponte de Neira e polo Mesón da Lama de Caque e o lugar de Pacios, alcanzaba a chaira de Meixente, antes de seguir cara o Mercado da Serra.

Mouzós / Ana López
Entre Nabás e o regueiro que forma a cabeceira do Rego de Marzán, a calzada alcanza unha lonxitude de 1.238 metros. Atravesa as paraxes da Bouza, A Rega, Pirexada, Sortes, Fondeiro, Pereirexe, A Penela, As Campas, Namela, Aira, Taberna, Taberna de Fora, Palico ou Paligo, Agro da Rigueira, Caxigo, Chousa, Sisto, Aira, Prado da Porta, Lamelo Pequeno, Lamelo do Souto, A Calzada, Leiro dos Muiños e Aira dos Vellos.
Beira da estrada, o lugar de Mouzós, que na actualidade non mantén casas abertas con fumes, está formado polas casas de Castaño, Quinto, Frasio e Barreiro. Nesta aldea houbo historicamente unha “Taberna” potenciada polo feito de estar situada no cruzamento dos camiños.

Mouzós / Ana López
Cando se abriu, na década de 1860 o primeiro treito da estrada de Sárria a Portomarín, máis adiante derivada por Paradela en dirección a San Martiño de Castro, Mouzós contou con ese moderno medio de comunicación, que estivo alí paralizado por máis de cincuenta anos.
Abandoado o proxecto de unir por estrada en liña dereita as vilas de Sárria e Portomarín, dándolle un xiro á esquerda ao vial proxectado inicialmente para superpoñerse á ruta das peregrinacións, pasou o vial a gravitar pola parte baixa das parroquias de Meixente, Belante, Biville e A Pinza, arredada de núcleos de poboación, na percura do río Loio e do Castro de Barán seguindo ata a capitalidade do Concello de Paradela.

Entre Mouzós e O Sisto está a liña divisoria das augas que van ao río Celeiro (río Barbadelo, na Idade Media) e as que dende os montes Faro do Páramo e San Marco van ao río Loio.
O lugar do Sisto está formado polas casas coñecidas como Calzada (2), Queixeiro , Mesón (2) , Rañoá, Nicolao, Rei, Campo e A Poza. Os topónimos Calzada e Mesón son clara pervivenza do vencello do lugar á vía pública e á atención dos peregrinos.
O templo parroquial de Meixente, como é o caso doutras freguesías que hai entre Maside e San Pedro de Portomarín quedaba arredado da vía francíxena, e só aparecería como punto de visita dos camiñantes cando nos domingos e festas de gardar concorrían os camiñantes a cumpriren co precepto de asistencia ás misas dominicais ou de festas de gardar.

O Sisto / Ana López
Entre O Cebreiro e o Miño, o Camiño de Santiago atravesa un total de trinta e unha parroquias e són só dezasete as igrexas que están beira da calzada.
A actual estrada de Pedrafita do Cebreiro ás Vendas de Narón entre Mouzós e O Sistelo (Belante) é unha vía recta da que parten pistas de comunicación co núcleo de Meixente e coa aldea do Sisto, deixando a man dereita a Casa da Penela. Este vial, no treito Sárria-Portomarín, é seguido por un bo número de ciclistas que fan peregrinación e evitan seguir as rutas históricas.
Á man dereita do camiño xacobeo e da estrada está o Monte do Páramo e a súa costa, que nos cumes presenta un parque eólico de xeración de electricidade e varias antenas repetidoras de televisión e de telecomunicacións.

O Sisto / Ana López

