HomeEconomíaOs Polos de Emprendemento da provincia asesoran a 1.100 proxectos e crean...

Os Polos de Emprendemento da provincia asesoran a 1.100 proxectos e crean 90 empresas

No marco do impulso estratéxico ao emprendemento que promove o Goberno galego, a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego leva asesorado ata o de agora máis de 1.100 proxectos a través das cinco oficinas activas na provincia de Lugo, situadas na Fonsagrada, Friol, Mondoñedo, Monforte de Lemos e Sarria

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Esta iniciativa da Xunta de Galicia, despregada progresivamente desde xullo de 2022, ofrece asesoramento individualizado e gratuíto a todas aquelas persoas que desexan pór en marcha un negocio ou consolidar un proxecto xa existente, ao tempo que conecta o tecido emprendedor co resto do ecosistema comarcal e cos recursos dispoñibles.

Grazas a este modelo de acompañamento, na provincia de Lugo o equipo técnico e asesor da Rede realizou coas persoas emprendedoras máis de 3.500 titorías, tanto presenciais como en liña, adaptadas ás distintas fases de desenvolvemento das súas iniciativas empresariais e orientadas a facilitar o cumprimento dos obxectivos establecidos.

O 56 % dos proxectos asesorados na provincia están impulsados por mulleres, o que pon de manifesto o papel crecente do emprendemento feminino no tecido económico galego. Por ámbitos de actividade, destacan a hostalaría (20 %), seguida do comercio (16 %) e dos servizos (12 %).

A Rede de polos ofrece tamén un servizo específico de acompañamento para asesorar, axilizar e facilitar os procesos de transmisión de negocios en funcionamento no territorio galego, co obxectivo de garantir a súa continuidade e evitar o peche por falta de remuda xeracional. Neste contexto, conta cun escaparate de proxectos —con arredor dunha trintena actualmente en Lugo— orientado a dar visibilidade e poñer en contacto persoas que venden ou alugan a súa empresa con outras interesadas en facerse cargo dela, apostando por iniciativas consolidadas e viables e reducindo os riscos asociados á posta en marcha dun novo negocio.

O dinamismo dos Polos de Lugo, no seu papel fundamental como vertebradores do territorio, reflíctese tamén nas 480 actividades organizadas ata agora, entre reunións con entidades locais, accións formativas e eventos de dinamización económica e social.

Estratexia de emprendemento ligado ao territorio

A Rede de polos de emprendemento constitúe un dos eixes estratéxicos da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio cuxas liñas mestras vén de presentar o Executivo autonómico, co obxectivo de potenciar o talento local, fixar poboación e dinamizar a economía nas catro provincias. Este esforzo xa foi recoñecido coa distinción a Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025 e consolidarase a través desta planificación, con horizonte 2030, e actualmente en fase de consultas para recibir as achegas de todos os axentes do sector.

Neste contexto, a pioneira Rede de polos de emprendemento eríxese como o núcleo central desta aposta, cunha estrutura de 15 oficinas distribuídas por todo o territorio galego, que xa atenderon en conxunto máis de 5.300 proxectos. Os Polos reforzarán o seu papel como antenas de proximidade, capaces de detectar necesidades, conectar coas oportunidades locais e orientar os proxectos cara aos recursos e programas máis axeitados en cada caso.

ÚLTIMAS

O enólogo Roberto Regal contribúe ao nacemento da primeira adega comunitaria de carácter público de Asturias

Roberto Regal e o seu equipo, liderado pola enxeñeira Carmen Fernández Ledo, traspasaron fronteiras...

Espertamonforte e BNG denuncian os riscos da ‘Senda Verde Monfortina’

O proxecto de restauración ambiental e creación de sendas peonís nas marxes dos regatos...

Antom Garcia presenta na Pobra do Brollón un ensaio sobre a pegada da emigración galega en Lisboa

A través de fontes históricas e literarias, o ensaio de Antom Garcia Rodrigues indaga...

Triacastela recibe a Antonio Barros e iAlma co espectáculo “O Camiño de Vieiras Amarelas”

Triacastela será este sábado unha nova etapa de "O Camiño de Vieiras Amarelas", o...