HomeEconomía'Lugo, Informe Anual 2025': mercado laboral estable, aumento de empresas de tamaño...

‘Lugo, Informe Anual 2025’: mercado laboral estable, aumento de empresas de tamaño medio, agrupación de explotacións gandeiras e envellecemento

Esta publicación faise por iniciativa da Deputación de Lugo, en colaboración coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e recolle os principais indicadores demográficos, laborais, empresariais, turísticos e macroeconómicos da provincia. O obxectivo é ofrecer unha radiografía rigorosa, actualizada e completa da realidade socioeconómica lucense.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O traballo ‘Lugo, Informe Anual 2025’ recolle dúas tendencias especialmente relevantes. Por unha banda, o crecemento das empresas de tamaño medio, tanto das que contan con ata 50 persoas traballadoras como das que se sitúan entre 50 e 250, o que pon de manifesto a capacidade do tecido produtivo provincial para medrar, profesionalizarse e xerar emprego estable. Por outra, no medio rural obsérvase unha progresiva reagrupación das explotacións gandeiras en unidades de maior tamaño, un proceso que reflicte o traballo das novas xeracións de gandeiros e gandeiras, con formación, manexo das novas tecnoloxías e unha clara aposta pola modernización do agro para competir con éxito nos mercados.

ÁMBITO ECONÓMICO-LABORAL

Neste ido, a provincia de Lugo pechou o ano 2024 cunha taxa de paro do 6,99 %, situándose por debaixo das medias galega (8,67 %) e estatal (11,35 %). O número de persoas ocupadas acadou as 139.400, cunha distribución sectorial que reafirma o peso dos servizos (63,2 %), seguidos da agricultura (15,2 %), a industria (15 %) e a construción (6,6 %).

taxa de paro do 6,99 %, situándose por debaixo das medias galega (8,67 %) e estatal (11,35 %)

A contratación mantívose estable respecto a 2023, con 72.494 contratos rexistrados, dos cales o 34 % foron indefinidos. O avance da contratación indefinida consolídase especialmente nos contratos por circunstancias da produción, que supoñen máis da metade das conversións.

A afiliación á Seguridade Social tamén presenta un comportamento positivo. En 2024 rexistráronse 125.319 persoas afiliadas, e o peso do traballo autónomo en Lugo (24,9 %) sitúase claramente por riba do conxunto de Galicia (19,1 %), o que evidencia o marcado carácter emprendedor da provincia e a relevancia das pequenas empresas e das actividades familiares. En materia de pensións, Lugo contabiliza 113.091 prestacións, cunha pensión media de 983,9 euros, un dato que reflicte a estabilidade do sistema e o seu impacto directo sobre o consumo interno.

TECIDO EMPRESARIAL

Das 22.600 empresas que se teñen en conta neste informe, o 97 % son microempresas, aínda que o número de sociedades de tamaño medio continúa a medrar. Entre 2022 e 2023, as empresas de 10 a 49 traballadores aumentaron un 4,7 %, mentres que as de 50 a 249 traballadores creceron un 8,4 %, unha evolución que apunta cara á consolidación e á profesionalización progresiva do tecido produtivo.

O sector primario mantén un papel estratéxico na economía provincial, cunha progresiva concentración das explotacións gandeiras en unidades de maior dimensión e rendemento, o que sitúa a Lugo como unha das provincias de referencia na produción láctea.

No ámbito do turismo, a actividade consolidouse tras a recuperación pospandemia. En 2023 o grao de ocupación hoteleira situouse no 33,7 %, cunha estancia media de 1,69 días. No turismo rural, a ocupación foi do 15,5 %, cunha estancia media de 1,9 días, mentres que os apartamentos turísticos rexistraron un 26,8 % de ocupación, cunha media de 3,2 días por visitante.

O PIB provincial acadou os 7.395 millóns de euros, cun predominio claro do sector servizos (64,6 %), seguido da industria (11,7 %), os impostos netos (9,5 %), a agricultura (8,8 %) e a construción (5,4 %).

Predominio do sector servizos e baixa construción

RETO DEMOGRÁFICO, O MAIOR DESAFÍO

Neste punto, o máis negativo para a provincia seguen sendo os datos de envellecemento. Case o 7 % da poboación ten 85 ou máis anos, unha proporción superior ás medias galega e estatal, mentres que só o 2,8 % corresponde a nenos menores de 4 anos.

Case o 7 % da poboación ten 85 ou máis anos, unha proporción superior ás medias galega e estatal

O descenso da natalidade non se compensa completamente co incremento da poboación de orixe estranxeira, aínda que esta achega vitalidade económica e cultural a numerosos concellos. A composición dos fogares tamén evoluciona: as parellas con fillos seguen a ser o tipo máis frecuente (26,5 %), pero medran os fogares unipersoais (23 %) e as parellas sen fillos (25 %), reflexo dos cambios sociais e das novas dinámicas residenciais.

A PUBLICACIÓN: Lugo, Informe Anual 2025

Conta con exemplares impresos, dispoñibles na sede central da CEL, e pode descargarse tanto na web da entidade, www.cel.es, como no portal https://lugoencifras.org/.

Para a elaboración deste estudo analizáronse as fontes oficiais máis recentes —INE, IGE, SEPE, Banco de España e Ministerio de Traballo e Economía Social—. O informe 2025, pechado entre os meses de outubro e novembro antes da súa remisión a maquetación, recolle maioritariamente datos correspondentes ao exercicio 2024, aínda que nalgúns indicadores se incorporan cifras de anos anteriores (2023 ou mesmo 2022), sempre en función do peche das fontes consultadas e empregando exclusivamente datos consolidados.

ÚLTIMAS

13.600€ na rehabilitación da Fonte de Piñeiro en Bóveda

O Goberno local solicitou unha axuda para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinada...

Unha vintena de titulacións universitarias de Galicia serán distinguidas este ao co selo de excelencia

A Xunta informou de que este ano unha vintena de titulacións universitarias de Galicia...

Éxito do Mercado de Nadal de Pantón que abrirá os mercados da comarca na primeira fin de semana de decembro

O Concello de Pantón abría o Mercado a profesionais na decoración de Nadal, nas...

1,5M€ para a segunda convocatoria das axudas destinadas á conservación paisaxística na Ribeira Sacra

As achegas están destinadas a poñer en valor o labor que desenvolven as persoas...