HomePolíticaCarmela López, nova presidenta da Deputación de Lugo: "Asumo esta presidencia desde...

Carmela López, nova presidenta da Deputación de Lugo: “Asumo esta presidencia desde a igualdade”

"Asumo esta Presidencia desde a igualdade. Son muller, e chego aquí grazas ao camiño aberto por moitas mulleres e tamén por moitos homes que nos acompañaron para que hoxe haxa cada vez máis mulleres na política", asegura.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A deputada provincial e alcaldesa de Burela, Carmela López Moreno, foi elixida presidenta da Deputación de Lugo nun Pleno celebrado este mércores no Pazo de San Marcos, tras ser a candidata con máis votos na votación en urna.

A sesión plenaria tivo lugar na sede da institución provincial, culminando coa proclamación oficial da nova Presidenta, que asume o cargo “coa responsabilidade de representar a toda a provincia e de traballar polo interese xeral das veciñas e veciños dos 67 concellos de Lugo”.

A nova presidenta comezaba así a súa intervención. “Comparezo hoxe aquí con serenidade e convicción. Serenidade porque creo nunha política con cabeza, diálogo e estabilidade. E convicción porque sei moi ben para que estou aquí. A miña experiencia como alcaldesa, o cargo máis fermoso que se pode acadar na política, que se gaña co respaldo das veciñas e veciños, ensinoume a gobernar con capacidade de diálogo, con accesibilidade e con empatía, pero tamén con firmeza e criterio propio...

E quen está na oposición atoparame sempre aberta a escoitar, a dialogar e a construír acordos que sexan bos para a provincia de Lugo. Quero facer un recoñecemento explícito ao goberno en coalición que sostén esta Deputación. Creo firmemente no traballo en equipo e na colaboración entre forzas políticas que, aínda tendo diferenzas, comparten unha mesma responsabilidade coa cidadanía. Quero expresar o meu agradecemento polo apoio recibido para asumir esta función. Agradecemento aos grupos e tamén a cada deputada e deputado que depositou en min a súa confianza para dirixir esta casa...

Permitídeme tamén expresar un agradecemento sincero ao meu partido, ao Partido Socialista, que ao longo do tempo confiou en min para ser concelleira, alcaldesa de Burela e deputada provincial, e que agora me propuxo para dirixir esta institución. É unha confianza á que vou corresponder con todo o meu traballo, coa máxima lealdade e cun compromiso absoluto co servizo público.

Esta Deputación vén traballando desde o coñecemento do territorio e desde a atención ás distintas realidades da provincia, cunha vocación clara de equilibrio e xustiza territorial. Desde cada concello, desde cada recuncho, hoxe mesmo quedo á vosa disposición. Traballar pola provincia de Lugo. Traballar polas súas veciñas e veciños”.

Mercosur no pleno de xaneiro

Un dos primeiros actos da axenda da nova presidenta, Carmela López, foi o encontro que mantivo cos representantes do sector primario afectados polo acordo con Mercosur, con eles comprometeuse a levar as súas reivindicacións ao Pleno ordinario do mes de xaneiro.

López destacou durante o encontro que o Goberno provincial é moi consciente do peso específico do sector gandeiro -un piar na produción de vacún de carne e leite en España- e nese sentido, destacou que “calquera acordo comercial debe protexer aos produtores locais e comprometémonos a defender aos gandeiros lucenses por riba de calquera interese alleo ao territorio”.

Reunión afectados Mercosur / Deputación Provincial

ÚLTIMAS

Quiroga presume dos datos turísticos que deixa o 2025

Os museos tamén aumentan as visitas ás instalacións, destacando especialmente o Museo Etnográfico que...

Empresarias reivindican a súa voz e acción para mellorar a situación socioeconómica da Ribeira Sacra

O encontro de Talento Feminino no Rural que tivo lugar no Castelo de Castro...

Un morto tras chocar un camión e unha furgoneta en Sarria

O condutor dunha furgoneta faleceu nunha colisión frontal contra un camión na estrada LU-633,...