Peruchela Edicións naceu en outubro de 2020 por iniciativa de Pilar Sánchez que, querendo publicar uns libros para ela, achegouse á Librería Pelayo para preguntar como podía botar adiante o seu proxecto.
Segundo nos comenta Rocío Rodríguez, coñecida como ‘Peruchela’ e propietaria da Librería Pelayo en Monforte, “ela quería publicar e preguntoume a min se podía publicarlle ou se podía explicarlle como funcionaba o tema. Púxenme a investigar un pouco e vin que había que estar de alta na actividade de edición de libros, ter un sitio onde imprimir, etc”.
“Coñecendo xa como facer, publiqueille eu por axudala… e despois fun vendo que esta actividade se complementaba moi ben coa libraría”, comenta a nosa entrevistada.
“Despois do primeiro proxecto tiven outro dun señor natural de Ribeiras de Miño que emigrara a Australia e quería deixarlle unha biografía da súa vida para a súa familia e os seus amigos. Dinme conta aí de que si, que había moita xente que quere publicar o seu libro porque quere deixarlle á súa familia un legado escrito en forma de memorias. Que pasa? Que a xente nova que manexa as tecnoloxías con máis soltura sabe facer autopublicacións con plataformas de internet que se dedican a dar este servizo, pero a xente maior non se manexa ben en internet e vin que necesitaban un sitio onde lle axudaran”, explica Rocío.
Aínda que detectara unha demanda nese perfil de cliente, persoas maiores que buscan un libro autobiográfico e necesitan axuda, a xente que se achega a ela pola Editorial é de todas as idades. Hai tamén xente que empeza, xente nova e moitos/as que queren publicar o seu libro de poesía. “Houbo xente que publicou o seu primeiro poemario con nós”, di Rocío Rodríguez.
No que se refire á poesía, Peruchela Edicións empezou gañando terreo con este xénero a raíz dunhas xornadas de poesía que se fixeron na Librería Pelayo no 2020-2021 e tamén no 23 e 24 colaborando co Slam Poetry de Bóveda, evento polo que a xente empezou a coñecer o proxecto editor. Respecto á publicación de poesía, é un xénero que facilita a publicación ao ser, polo xeral, libros pequeniños… Nestes comezos a poesía foi, pois, o xénero que tirou das publicacións e despois chegaron outras propostas para publicar: algunha novela, libros de relatos, literatura infantil, ensaio…
“Houbo xente que publicou o seu primeiro poemario con nós”
PROCESO EDITORIAL
Coñecemos como chega a Peruchela Edicións a xente, co seu proxecto e a intención de ver publicada a súa obra, mais non sabemos como chegan eses primeiros textos que aspiran a ser publicados. Preguntámoslle a Rocío por este tema e explícanos que “hai xente que xa nos trae os traballos case rematados, incluso maquetados e coa súa portada, aos que só lle pode faltar unha coma por dicir algo… e despois hai outra xente coa que hai que facer todo o proxecto. Que incluso o traen manuscrito. Nestes casos teño que pasar todo o traballo eu, dende pasalo todo a ordenador ata reestruturalo, facerlle correccións de estilo, etc. Nestes últimos casos, collo estes encargos de xeito excepcional. Ten que ser case unha cuestión persoal para que me poña”.
Entendemos, pois, que na maior parte dos casos, polo menos ata o de agora, o traballo da nosa interlocutora, como editora, non se reduce a facilitar unha publicación e punto, se non que implica unha dedicación máis profunda axeitando o proxecto literario antes de que este poda ver a luz.
No referente ao custe, Rocío explica que “para escritores noveis, o autor ou autora ten que pensar que hai que gastar cartos porque unha obra de certa calidade require de moitas horas de corrección, de maquetaxe, de deseño, etc. Teño que sentarme con eles moitas horas para axeitalo todo e iso ten un custe”. É, polo tanto, un traballo moi persoal, de paciencia e que leva tempo. “A partir de 2000 euros pódese publicar”, afirma a nosa interlocutora.
“para escritores noveis, o autor ou autora ten que pensar que hai que gastar cartos porque unha obra de certa calidade require de moitas horas de corrección, de maquetaxe, de deseño, etc”
En canto á selección de temas, polo de agora cónstanos que non teñen filtro para publicar se o autor ou autora asumen o custe. Neste senso, refire a editora que “gústanos publicar obras de calidade pero de momento non puxemos limitacións neste senso. A partir de 2026 veremos se hai selección previa de traballos, e máis tendo en conta que temos xa listaxe de agarda importante”.
Polo de agora, Peruchela Edicións traballa con dúas liñas de clientes: autores noveis e autores xa consagrados. Neste último caso o perfil que acude a eles é un dun autor ou autora que queren ter máis liberdade e un trato máis próximo.
Preguntamos pola demanda actual para publicar e sabemos que ata abril deste 2026 teñen ocupado de encargos, unhas 4 ou 5 obras pendentes de saír á luz.
CERTAME DE RELATOS MANUSCRITOS
Unha das curiosidades que lembramos na entrevista é que esta editorial botou andar tamén unha iniciativa moi novidosa convocando un concurso de relatos manuscritos. Preguntámoslle tamén a Rocío por este proxecto. “Levamos dous anos facéndoo, que naceu un pouco tamén para dar a coñecer a Editorial, para que a xente siga escribindo a man… Xurdiu de forma espontánea. Quería facer un certame que fose diferente aos que xa existen. E como teño unha libraría e vexo que se está perdendo a escrita a man, e que os pequenos escriben moi mal quería fomentala e que non se perdese”.
Cónstanos que a xente respondeu moi ben, e sobre todo no segundo certame no que houbo moita participación. “Descobres capacidades en xente que non esperabas e ves o apoio e interese dos autores e das autoras. Na primeira edición participou xente como Loli Rodríguez, Anxo Muíños, Parada Jato… xente que xa ten libros escritos co cal dálle calidade ao certame. Na segunda edición participaron tamén autores que xa tiñan publicado e outros/as que non escribiran nada. A que gañou neste último, Iria Rodríguez Rodríguez, escribe moi ben e tanto a súa familia coma eu animámola a que se iniciara no mundo das publicacións. Co cal, o concurso serve tamén para descubrir algún talento oculto que hai por aí e para que alguén se anime a dar o paso de publicar”, comenta Rocío.
“o concurso serve tamén para descubrir algún talento oculto que hai por aí e para que alguén se anime a dar o paso de publicar”

CONTACTO DA EDITORIAL CO PROPIO AUTOR
Aínda que o habitual é que os propios autores e autoras se dirixan á editorial para sacar adiante a súa obra e vela publicada, Peruchela Edicións está abrindo un novo camiño ao buscar directamente a autores para facerlles propostas.
Así, na obra “La larga posguerra. Entre el Imperio, la represión y el hambre” foi a propia Rocío quen contactou directamente co autor, o historiador madrileño Eduardo Montagut, a través das redes sociais e propúxolle que colaborara coa editorial porque lle apetecía ter publicado algún ensaio. “Deille a escoller tema e foi el o que decidiu. Casualmente eu tiña unha cartilla de racionamento dunha veciña, que é a imaxe que sae na portada do libro…”, refire ao tempo que nos adiante que “esta vía de publicar a proposta da editorial repetirase”.
Segundo sabemos, a obra está funcionando moi ben e o pasado venres 16 de xaneiro foi presentada en Madrid na Biblioteca Rafael Alberti ás 18:00 h.

REFLEXIÓN E PROXECTOS
Rematamos a nosa entrevista pedíndolle a Rocío unha reflexión que faga balance dalgún xeito do seu periplo como editora: “Cando estás aprendendo nun negocio non podes gañar o que deberías gañar. Agora temos que mirar os números e optimizar o traballo editorial. Neste 2026 imos introducir a opción de facer traducións e estamos ampliando o equipo de colaboradores: maquetadores, deseñadores, etc”.
Ademais, antes de despedirnos, déixanos unha exclusiva. En breve publicará un primeiro libro relacionado con Pino, na Pobra do Brollón, e a súa historia. “A primeira parte dun libro propio no que levo traballado moito tempo e que espero poida ver a luz na primavera”, dinos.


