HomeCultura"O proceso" abre este 30 de xaneiro a programación teatral do Multiusos...

“O proceso” abre este 30 de xaneiro a programación teatral do Multiusos de Monforte

A obra “O proceso”, da compañía Malasombra, abre este xoves, 29 de xaneiro, a programación anual de teatro que organiza o Concello de Monforte a través da Concellería de Cultura. O espectáculo, dirixido ao público adulto, forma parte do circuíto da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A cita no Edificio Multiusos, ás 20.15 horas, cunha entrada de 5€ para o público xeral e 3€ para estudantes, desempregados e xubilados. “O proceso” é un sainete cómico escrito e dirixido por Cándido Pazó que rememora uns feitos históricos acaecidos no ano 1880, cando o escritor Manuel Curros Enríquez foi denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro “Aires da miña terra”, un dos piares do Rexurdimento galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.

A partir destes feitos históricos, Cándido Pazó constrúe unha peza teatral que, en ton de sainete cómico protagonizado por unha galería de personaxes populares do Ourense de finais do XIX, aborda con frescura e desenfado, pero con rigor e reflexión, a cuestión do hoxe en día chamado ‘lawfare’, así como outros temas (a lingua, a cultura, a identidade…) que seguen vixentes na actualidade. O elenco artístico de “O proceso” está formado por Jouse García, Marcos Orsi, Paula Pier e Xoque Carbajal. O obra ten unha duración de 75 minutos.

Próximas citas teatrais no Multiusos

  • 19 de febreiro: “Memorias dun neno labrego”, coproducida polo Centro Dramático Galego e Contraproducións. É unha adaptación da emblemática obra do escritor Xosé Neira Vilas, no décimo aniversario do seu pasamento.
  • 26 de febreiro: “As desterradas”, da compañía Producións Teatrais Excéntricas. Escrita por Carme Varela e dirixida por Quico Cadaval.
  • 12 de marzo: “A Historia vaxenial”, de Artyc Content. Obra galardoada co VI Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade. Retoma o espírito da serie web da mesma autoría que foi  gañadora dun Mestre Mateo.
  • 26 de marzo: O actor galego Carlos Blanco presenta o seu espectáculo “A Penúltima”.
  • 23 de abril: “Amalia y el río, historia de una estraperlista”, de Teatro Guirigai.
  • 26 de abril:  “Berenguela na gaiola”, do grupo Galeatro Producións Escénicas. Dirixida ao público infantil.

Todas as funcións programadas no Edificio Multiusos son ás 20.15 horas, agás a do 26 de abril, “Berenguela na gaiola”, que será ás 18.00 horas por ser unha obra dirixida ao público infantil e familiar. Os prezos mantéñense en todos os casos en 5€ para o público xeral e 3€ para menores, estudantes, desempregados e xubilados.

O Alcalde, José Tomé Roca, anima aos monfortinos e monfortinas a participar nesta completa programación, e remarca a “aposta decidida deste Equipo de Goberno pola cultura, e neste caso, polas artes escénicas, cunha oferta periódica no Edificio Multiusos que xa é un referente na axenda cultural de Monforte”.

ÚLTIMAS

O programa Emega incentiva nove negocios impulsados por mulleres na zona sur

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou en Monforte de Lemos dous dos...

“Andares” do xornalista, Luís Celeiro, preséntase este 30 de xaneiro en Samos

O académico de número da Academia Xacobea, Luís Celeiro Álvarez e vicepresidente da Asociación...

OPINIÓN: Oitenta e catro anos da traxedia da Balsada

Ademais dos corpos arrastrados na loita contra os franceses no século XIX, moitos foron...

Os traxes tradicionais do Entroido de Budián abrirán o Desfile do 21 de febreiro en Pantón

Este ano serán os traxes tradicionais do Entroido de Budián os que abran o...