HomePolíticaPor Chantada propón un plan para incentivar o alugueiro e garantir o...

Por Chantada propón un plan para incentivar o alugueiro e garantir o acceso á vivenda

O grupo municipal Por Chantada – Interior Galego Vivo vén de rexistrar unha moción no Concello de Chantada coa que propón impulsar unha estratexia municipal integral para incentivar o alugueiro residencial e facilitar o acceso á vivenda, especialmente para a mocidade, as familias con rendas medias e baixas, as persoas maiores e outros colectivos en situación de vulnerabilidade.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Desde o grupo lembran que o dereito a unha vivenda digna e axeitada está recoñecido no artigo 47 da Constitución Española e no Estatuto de Autonomía de Galicia, mais denuncian que nos últimos anos o acceso á vivenda, “particularmente en réxime de alugueiro, se converteu nun dos principais problemas para a veciñanza tamén en Chantada”. Así o avalan, ademais, os datos do CIS, que sitúan a vivenda como a principal preocupación cidadá.

Por Chantada – Interior Galego Vivo advirte da existencia dun número elevado de vivendas baleiras no municipio, tanto na vila como nas parroquias, que fican fóra do mercado durante longos períodos, “incumprindo a función social da propiedade e contribuíndo á escaseza de oferta e ao aumento dos prezos”.

A moción tamén pon o foco no abandono progresivo do rural e na perda de poboación das aldeas, defendendo que facilitar vivenda digna é unha ferramenta chave para manter vivos os núcleos rurais e frear o seu esmorecemento. Neste sentido, o grupo lembra que xa no ano 2020 se aprobou por unanimidade unha moción sobre edificacións ruinosas e vivendas abandonadas, da que cinco anos despois non se materializou ningún avance significativo.

Entre as propostas concretas recollidas na moción destacan:

  • A elaboración dun censo municipal de vivendas baleiras e dun censo voluntario de demandantes de alugueiro, co obxectivo de coñecer a realidade da oferta e da demanda no municipio.
  • O estabelecemento de incentivos fiscais municipais para quen incorpore vivendas baleiras ao alugueiro como residencia habitual, especialmente no ámbito rural, incluíndo bonificacións no IBI e reduccións ou exencións no ICIO e noutras taxas municipais para obras de rehabilitación destinadas ao alugueiro non estacional.
  • O estudo da modificación da ordenanza do IBI para aplicar recargos ás vivendas desocupadas, de acordo coa Lei estatal polo dereito á vivenda.
  • A creación dun programa municipal de intermediación no alugueiro, no que o Concello actúe como mediador entre persoas propietarias e inquilinas, ofrecendo seguridade xurídica.
  • O impulso de convenios coa Xunta de Galicia e entidades do terceiro sector para ampliar o parque público e social de vivenda.
  • O desenvolvemento de campañas informativas e de sensibilización dirixidas ás persoas propietarias de vivendas baleiras.
  • A realización dunha avaliación periódica das medidas adoptadas para mellorar a súa eficacia.

ÚLTIMAS

Un incendio en Ribas de Sil calcina unha superficie de tres hectáreas

Ribas de Sil rexistrou esta tarde un incendio forestal que calcinou unha superficie de...

Sorteo de prazas do Programa Activa Monforte o 14 de outubro

O sorteo público de prazas do Programa Activa 2026-2027 que se celebrará o vindeirmércores...

O 17 de outubro “Vémonos no Camiño” percorrerá o treito entre Pantón e Belesar

A andaina comezará ás 10:00 horas no Mosteiro de Ferreira de Pantón, nunha xornada...

Marta Marqués e Alberto Fidalgo, campións galegos de Marcha Nórdica

Manzaneda acolleu o pasado 3 de outubro a 2ª Copa Galega de Marcha Nórdica,...