O Concello da Pobra do Brollón empezou este 5 de febreiro a celebración do Entroido 2026 co xoves de Compadres. A veciñanza de diferentes parroquias confeccionou e expuxo durante o día os seus bonecos representando de xeito satírico diferentes temas da actualidade. Despois, ás 18:30 h, reuníronse na Casa da Cultura ‘Olga Novo’ onde se realizou a tradicional queima. Para poñer fin á xornada ofreceuse chocolate quente con música a cargo da Escola municipal de Música Samoeiro.



E unha semana despois, terá lugar, seguindo a tradición, o Xoves de Comadres. Tanto para Compadres como Comadres o concello convocou un concurso para premiar as mellores figuras nas categorías individuais e colectivos.
DESFILE DE ENTROIDO E CONCURSO DE DISFRACES
Un dos eventos relevantes tamén en Entroido no Concello da Pobra do Brollón é o Desfile, evento que terá lugar o sábado 14 de febreiro. Comparsas, carrozas e disfraces percorrerán as rúas da capital municipal animados pola charanga Os Sureños. O desfile sairá ás 17:00 horas do cruce da estrada de Saa e finalizará na área recreativa Samugueiros.
Como en anos anteriores, a Concellería de Cultura convoca un concurso para premiar aos mellores disfraces, carrozas e comparsas. A tal fin convidan á participación lembrando que para participar cómpre inscribirse antes do 12 de febreiro na Biblioteca municipal, de maneira presencial ou no teléfono 982 430 546.
Os premios, tanto do desfile como de Compadres e Comadres, entregaranse o propio día ao remate do desfile na área recreativa. As bases dos concursos de Entroido están dispoñibles na páxina web do Concello.
O ENTROIDO EN SALCEDO
O Entroido de Salcedo tamén comeza o sábado 14 de febreiro, organizado pola Comisión de Festas e a Asociación Veciñal. A programación dese día arrinará ás 22:00 h cunha función de teatro popular, unha das manifestacións máis tradicional e con maior seguimento en Salcedo ademais do coñecido Oso. A partir da medianoite, haberá concerto de Malenne seguido de Alma DJ.
Continúa a programación o domingo 15 pola tarde, coa actuación do grupo Brabán Gaiteiros ás 16:30, seguido do pregón a cargo do antropólogo Rafa Quintía. Ás 17:30 sairán as Madamas e Danzantes e terán lugar os Disfraces de Campo. Ás 22.00 horas, repítese a función de teatro popular e a partir das 00:15 horas haberá verbena a cargo do Dúo Triada máis Grupo Lume e Alma DJ.
A SÁIDA DO OSO
Será o luns 16 e estará precedida, ás 16:30 h, do Oso Pequeno, unha inciativa que se vén repetindo dende hai uns anos e que cada vez concentra a máis pequenas e pequenos para vivir a experiencia e coñecer a tradición. Tamén haberá pasarrúas coa charanga Terras do Bibei, Mekanica Rolling Band e Duendeneta.

A partir das 21.00 horas, haberá cea popular con food truck e á medianoite, verbena coa orquestra Suavecito.
PUNTO FINAL
o martes 17 remata o Entroido de Salcedo cunha cea popular a partir das 21:00 horas e baile coa orquestra Los Players. Tamén haberá un sorteo de Aceites Abril.
Para gozar dun entroido seguro e en igualdade, a Comisión de Festas lembra que se poden seguir as normas e toda información dende o seu perfil de Instagram @entroidosalcedo.

