HomeEn profundidade“Xente que veu tocar a Sober hoxe está en orquestras europeas ou...

“Xente que veu tocar a Sober hoxe está en orquestras europeas ou americanas de primeiro orde”, Luis Fernández Guitián

O Concello colabora coa asociación Xuventudes Musicais de Sober na organización de concertos de cámara de moi alto nivel no salón de actos do Edificio Sociocultural e dentro dos ciclos ‘Músicas no Outono’ e ‘Primavera Musical’. Coñecemos, en conversa co alcalde, que fixo e fai posible que se manteña viva a tradición musical neste municipio.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Luis Fernández Guitián é profesor de clarinete. Estudou no Conservatorio de Ourense, despois fixo o superior entre Vigo e Santiago e tamén rematou o Grao Profesional de oboe, un instrumento que tocou un tempo na Banda de Sober. Tamén fixo maxisterio de educación infantil dedicándose, antes de ser Alcalde, profesionalmente á música. Tocou na Banda Municipal de Ourense, na Banda de Música de Sober –onde foi case dez anos Director– e deu clase en diferentes localidades entre o 1990 e o 2011. Estivo en Ribadavia, Sober, Ourense, Pontevedra, Lugo e Ferrol. No 2011 incorporouse como alcalde do Concello de Sober deixando o Conservatorio.

Como curiosidade, cóntanos Luis que cando entrou como alcalde unha das primeiras cousas que fixo foi mercar un piano de cola para o Auditorio. “Non creo que haxa ningún concello coma o noso que teña un piano destas características, un C3, de media cola, que é para concertos”, comenta con orgullo. Este detalle di moito da sensibilidade pola música do rexedor e quizais tamén da visión a futuro que tiña para programar concertos. Tanto é así que se está aproveitando para moitos dos concertos de canto, de voz e piano, que se programan en Sober durante o ano.

cando entrou como alcalde unha das primeiras cousas que fixo foi mercar un piano de cola para o Auditorio

O NACEMENTO DA ESCOLA DE MÚSICA DE SOBER

Dinos Luis que non había tradición musical directa na casa, pero no pobo si, contando coa Banda de Música de Sober e a Banda de Música de Brosmos, formacións que despois acabaron fusionadas. Ademais, a chegada á localidade de José Ramón López Cuñas sería un feito importante para darlle pulo á tradición musical de Sober. Este home, que fora director e músico na súa mocidade, veuse xubilado de Unión Eléctrica de Madrid e tivo a iniciativa, xunto a Tadeo Guitián, de fundar a Escola de Música. Concretamente fundouse no 1975 e no 1976 os alumnos empezaron a tocar coa banda. “Entramos arredor de 20 persoas, todos homes, de Sober e contorna. Dende aí vén a formación do que hoxe é a Escola Municipal de Música, escola que celebrou o 50 Aniversario o pasado ano”, comenta o noso interlocutor reivindicando tamén que “desta escola saíu unha fornada grande de músicos, entre eles Alfonso Campos e Luis Fernández Guitián (ri)”.

Alumnos da primeira promoción da Escola de Música da Banda de Sober no 1975. Foto: Arcadio.

Dende esa época ata hoxe a escola seguiu funcionando. No 1997 foi homologada pola Consellería de Educación e pasou a depender do Concello, sendo o seu Director Luis Fernández Guitián moitos anos. Actualmente a directora é Laura Rodríguez. Cada ano aumenta o número de alumnos/as se ben cómpre dicir que agora están menos tempo do que se estaba antes. “Antes estabas dende a mili, se eras home… pero agora os nenos e as nenas aguantan menos. Hai moitísimas máis actividades e a música é unha máis… cando se van facendo maiores, catorce ou quince anos, as familias danlle a escoller e en moitos casos decántanse por outra cousa” explica Guitián.

O BINOMIO: ESCOLA DE MÚSICA E BANDA DE MÚSICA DE SOBER

“Non é o mesmo tocar ou vir á Escola de Música de Sober que ir a outra”, presume Luis ao tempo que engade “aquí temos alumnos de Castro Caldelas e de Manzaneda e veu xente de Ourense capital e ata incluso temos unha rapaza de Vigo que vén os sábados cando vén pasar a fin de semana cos avós”. E desta escola nútrese a Banda de Música de Sober, con moi boa sona a nivel de Galicia.

lUIS fERNÁNDEZ GUITIÁN: “Non é o mesmo tocar ou vir á Escola de Música de Sober que ir a outra”

A Banda de Música de Sober é, por dicilo dalgún xeito, xa unha marca e fai que vaian á escola moitos alumnos/as da contorna. “Ás veces tamén pasa que son os propios avós os que inducen a que veñan porque lles mercan o instrumento a condición de que toquen na Banda de Sober. Principalmente é a familia a que impulsa ao neno ou nena, despois eles acaban facendo grupo e amigos/as aquí e iso axuda a fixar alumnado”, sinala o noso entrevistado.

Antes había máis homes que mulleres pero agora a situación mudou. A primeira muller que se incorporou na Banda de Música de Sober foi no 1980 pero despois xa entraron máis e no grupo empezaron a ser maioría. Hoxe pode haber un 65-70% de alumnado da Escola de Música que son mulleres e da Banda de Música tamén. “Antes vías claramente os instrumentos que eran masculinos e femininos… un clarinete, unha frauta ou unha trompa, eran instrumentos femininos. Hoxe xa non hai instrumentos masculinizados nin feminizados. Unha muller pode tocar hoxe tanto unha frauta como unha percusión ou o trombón de varas sen problema ningún”, explica Luis.

A Banda de Música de Sober na Feira do Viño de Amandi (arquivo) / XdL

Hoxe pode haber un 65-70% de alumnado da Escola de Música que son mulleres e da Banda de Música tamén

No que respecta aos profesores, hoxe na escola teñen un profesor para cada materia. Hai profesor de clarinete, de saxofón, de trompeta, de percusión… para cada instrumento practicamente hai un profesor especialista nese instrumento. Un panorama moi diferente ao que se daba naqueles tempos. Guitián lembra que “cando empezamos na Escola de Música só había dous profesores. Nos anos 70 mercabas un instrumento de segunda man porque lle custaba traballo á familia mercarcho, pero hoxe se un pequeno quere un instrumento cómpranlle, por exemplo, un saxofón ou un clarinete profesionais sen problema ningún. E tamén pasa que no mercado hoxe atopas instrumentos novos de certa calidade máis baratos”.

XUVENTUDES MUSICAIS DE SOBER

Xuventudes Musicais de Sober é unha asociación cultural que se constituíu oficialmente en marzo de 2004, aínda que as actividades iniciounas en 2002. Luis Fernández Guitián foi o presidente ata 2012 e actualmente é José Quevedo. A entidade está asociada á Confederación de Juventudes Musicales de España, e esta á súa vez está afiliada á Federación Internacional de Juventudes Musicales.

Luis Fernández explícanos como se fundou esta asociación. “Cando eu estaba estudiando en Vigo organizábanse uns concertos nun ciclo chamado ‘Xoves Musicais’. O presidente da Xuventudes Musicais de Vigo, Manolo González, era de Sober, da parroquia de Proendos, e coñecíamonos. E foi el o que me animou a fundar unha sede en Sober”.

As avantaxes que teñen é que a través dunha rede –Red de Músicas— ofrécenlle ás Xuventudes Musicais de Sober un Plan de Concertos podéndose programar varios concertos a prezo moi económico e con grandes músicos/as de cámara –intérpretes, solistas, músicos/as, compositores/as– durante o ano. Págase unha cantidade irrisoria en relación ao prezo real que teñen os músicos que están no catálogo. No caso de Sober programan 3 concertos no outono e outros 3 na primavera.

En Galicia agora mesmo, tras desaparecer Xuventudes Musicais de Vigo, só quedan as Xuventudes Musicais de Tui e as de Sober. “A nosa é a máis activa, adoitamos facer 6 concertos ao ano, e dun nivel extraordinario porque todos son xente nova que gañaron concursos a nivel internacional. Ás veces son estranxeiros de xira por España ou que gañaron concursos a nivel nacional. Xente que veu tocar a Sober hoxe está en orquestras europeas ou americanas de primeiro orde”, explica Guitián.

Abondando no que supón a organización de concertos, as Xuventudes Musicais de Sober veñen facendo uns 6 ao ano repartidos en dous ciclos na primavera e no outono: Músicas no Outono e Primavera Musical. A vindeiro proposta, que se incluirá no Mes do Amandi o sábado 21 de marzo, será un concerto de guitarra a cargo de Gonzalo Peñalosa na Casa Museo de Modesto Trigo de Gundivós.

Xuventudes Musicais de Sober veñen facendo uns 6 concertos ao ano repartidos en dous ciclos na primavera e no outono: Músicas no Outono e Primavera Musical

Miguel Muñiz ao violín e acompañado de Lluís Rodríguez Salvá. Unha actuación do 2025 en Sober. Foto: Concello de Sober.

Como curiosidade, cómpre dicir que estes concertos están tendo moito éxito entre o público estranxeiro que vive na contorna. E ultimamente, segundo sabemos por Luis, pode chegar a verse máis xente de fóra do habitual, que puidera ser porque os da contorna avisan a outros de máis lonxe.

GRUPO ÉRBEDO

Rematando a conversa falamos do Grupo de música tradicional que naceu e está incorporado nas Xuventudes Musicais de Sober. Trátase de Érbedo e está dentro da rede Tradigalu que promove a Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Unha formación que, de cara a futuro, quizais se inclúa no catálogo da Rede de Músicas das Juventudes Musicales de España, podendo así abrirse a contratacións e levar a música tradicional por todo o estado.

ÚLTIMAS

A Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés recibe a visita de 2 eurodiputados

O obxectivo central desta visita dos eurodiputados, Francisco Millán Mon e Nicolás González Casares,...

Desfile de Comparsas de Chantada con sol e moito público

O Concello de Chantada celebraba este sábado 1u de febreiro pola tarde o Desfile...

Quiroga adía o desfile de entroido ao 22 de febreiro

A suspensión do desfile de comparsas e disfraces individuais de Quiroga fará posible que...

Celebración do Entroido no Concello do Saviñao

Tras a celebración do xoves de compadres e de comadres en datas anteriores, quedan...