Dúas interesantes propostas culturais ocupan a axenda no Concello de Bóveda esta fin de semana. Por unha banda, os amantes da narración oral teñen esta tarde unha opción ás 19:00 h no Centro Sociocultural de Bóveda co espectáculo “Achifánfanos”, de Ítaca Teatro e interpretado polo actor lucense Carlos Rebolo; e mañá domingo, xa na Casa da Memoria (Xullán) haberá a oportunidade de ver unha función familar, “A vida é un soño (ou case)”, da man da produtora Sr López.
“ACHIFÁNFANOS”
Esta proposta de narración oral chega a Bóveda organizada pola Asociación Cultural Horticelos, coa colaboración da Vicepresidencia. Deputación de Lugo e do Concello de Bóveda. O intérprete, Carlos Rebolo, leva a escena en forma de relatos situacións e vivencias cotiás que mantiña gardadas na memoria.
SINOPSE
‘Achifánfano: dise de toda cousa, obxecto ou aparello aparentemente inservible pero que, por algunha razón, motivo, causa ou circunstancia, un decide gardar sen saber moi ben por que.
Esta é a definición que miña avoa usaba e que eu erdei dela. Quizabes por iso fun coleccionando tantas trangalladas ao longo da vida. Quizabes por iso decidín recuperar anécdotas da miña biografía que, aínda pensando que non lle interesarían a niguén, decidín gardar na memoria e hoxe compartilas con quen queira escoitalas.
Carlos Rebolo
“A VIDA É UN SOÑO (OU CASE)”
A Casa da Memoria de Xullán, en Bóveda, acolle unha divertida proposta de teatro para público familiar, recomendada a partir dos 7 anos, o vindeiro domingo 15 de novembro ás 18:00 horas. Autor, director e actor: Rubén Pérez.
Esta representación está enmarcada no Circuíto de Teatro Profesional, organizado e patrocinado pola Área de Cultura da Deputación de Lugo.
SINOPSE
Todo comeza cun técnico de son que chega ao teatro para preparar a función… pero hai un problema: non hai actores. Para evitar que o espectáculo se cancele, decide contar el mesmo a obra que estaba prevista. Entre micrófonos, luces e efectos, comeza a narrar a historia de Segismundo, un mozo preso desde neno sen saber por que.
Pouco a pouco, o técnico deixa de contar a historia… e comeza a vivila. É un erro? É un soño? Ou é que o teatro ten máis poder do que pensamos?
Unha comedia chea de imaxinación, humor e xogo escénico, na que realidade e ficción comezan a mesturarse.


