HomeCultura'Memorias dun neno labrego' encheu de público e de emoción o Multiusos

‘Memorias dun neno labrego’ encheu de público e de emoción o Multiusos

A obra, coproducida polo Centro Dramático Galego e Contraproducións, e dirixida por Cándido Pazó, conseguiu un cheo que había tempo que non se vía en Monforte nas súas programacións teatrais. A adaptación do clásico de Neira Vilas e o traballo do elenco teatral foron magníficos.

Publicado o

- Advertisement -

O pasado xoves 19 de febreiro a representación da obra de teatro “Memorias dun neno labrego” encheu a sala de butacas do Edificio Multiusos como había tempo non se vira. En representación do concello estiveron o Alcalde, José Tomé, e a concelleira de Cultura, Marina Doutón. O espectáculo estaba organizado polo Concello de Monforte a través do circuíto da Rede Galega de Teatros e Auditorios e viña xa precedido de moi boa acollida noutras cidades de Galicia.

A obra, coproducida polo Centro Dramático Galego e Contraproducións, e dirixida por Cándido Pazó, rende homenaxe á figura de Neira Vilas no décimo aniversario do seu pasamento e no 65º aniversario da publicación de “Memorias dun neno labrego”. O elenco artístico estivo formado por Xúlio Abonjo, Manuel Cortés, Iris Darriba, Mónica García, Federico Pérez Rey, Santi Romay e Ana Santosa, intérpretes que deron vida a diferentes persoaxes do mundo de Balbino, protagonista do libro referencial de Neira Vilas.

O equipo completouse con Pablo Giráldez na escenografía e atrezzo, Martina Cambeiro no vestiario e caracterización, Xosé Lois Romero na música orixinal, Afonso Castro na iluminación, Belén Pichel na axudantía de dirección e Mariña Lestón na asistencia a produción, traballando man a man co persoal técnico do Centro Dramático Galego.

EMOCIÓN E OVACIÓN

A obra congregou a un abondoso público de Monforte e da contorna que non quixo perder a oportunidade de ver esta nova adaptación de ‘Memorias dun neno labrego’ da man de Cándido Pazó. Unha adaptación que, a diferencia da súa anterior en formato monólogo, reuniu un elenco de sete actores e actrices de primeiro nivel para dar vida a varios personaxes presentes na obra de Neira Vilas. A adaptación e o traballo actoral foron magníficos.

A obra, intensa no emocional, dinámica e chea de estampas sociais da época, chegoulle á alma ao público que despedía aos actores e actrices cunha longa ovación das que había tempo non se presenciaban na programación teatral monfortina.

ÚLTIMAS

A cafetería do Complexo Deportivo da Pinguela será de libre acceso tamén para o público xeral

A cafetería do Complexo Deportivo da Pinguela comezou xa a prestar servizo ás persoas...

A Deputación arranxará a LU-P-4707 que comunica Veneira con Roques na Pobra do Brollón

O representante do PSdeG, Adolfo Rubio, valora que a Deputación se reunise directamente coa...

Chantada mellora as canchas e automatiza o acceso ás Pistas de Tenis

O Concello de Chantada vén de acometer novas melloras nas Pistas de Tenis do...

Abertas as inscricións para o II Mercado de Nadal de Pantón

O Concello de Pantón volve apostar na súa programación de Nadal polo Mercado de...