Trala obtención dos correspondentes permisos por parte da Dirección Xeral de Patrimonio e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 9 de febreiro o contrato de obra, adxudicado á empresa Nature Infraestructuras y Servicios SL, por un importe de 10.889,13 euros.
Os traballos comezarán o vindeiro luns e requiren a presenza de maquinaria pesada na vía, polo que será necesario pechar o tráfico na ponte, tanto para peóns como para vehículos, durante as xornadas do luns 2 e martes 3.
Deste xeito, os vehículos que actualmente acceden á Ponte Vella desde a rúa Méndez Casal terán que desviarse polo Campo de San Antonio cara as rúas Abeledos e Ronda María Emilia Casas Baamonde. Así mesmo, os que circulen pola rúa Santa Clara deberán desviarse por Corredoira.
Pola súa banda, os peóns poderán utilizar tanto a pasarela de madeira que enlaza as rúas Santa Clara e Paseo do Malecón á altura da Corredoira, como a Ponte Nova.
O acceso aos garaxes con vao permanente no tramo cortado da rúa Santa Clara poderase facer no sentido habitual de circulación da rúa, con saída por Méndez Casal ao Campo de San Antonio e rúa Abeledos. Todos estes itinerarios estarán debidamente sinalizados pola Policía Local.

O incidente máis antigo moveu cinco sillares na zona de entrada á Ponte á esquerda segundo o sentido do tráfico, polo que será necesario levantalos e colocalos na posición correcta. O segundo incidente, máis recente, provocou danos na zona do primeiro cubo á dereita da ponte, no que se moveron 10 pedras, que tamén será levantadas e recolocadas.
Na zona 1, a situada á esquerda, a lonxitude aproximada do muro no que se actúa é de 2,10 metros; e na zona 2, á dereita, de 4,50 metros. Os traballos consistirán no levantamento dos sillares, a limpeza manual das xuntas e a recolocación das pedras na súa ubicación orixinal. Concretamente, limparanse as xuntas das pedras a recolocar, así como a zona de asento das mesmas, para eliminar restos soltos de terra, pequenos anacos de pedra ou de morteiro e elementos vexetais. Así mesmo, levarase a cabo unha limpeza manual da pedra con cepillo, para eliminar elementos estraños e restos vexetais, sen alterar a imaxe actual da ponte nin dos sillares.

