Campos fixo fincapé no recente encontro co subdirector de Cultura da Unesco, Ernesto Ottone, e o embaixador de España ante este organismo, Miquel Iceta, en París, que valorou como “positivo para “perfilar aínda máis a estratexia de cara á avaliación definitiva, que terá lugar en xullo en Corea do Sur”. Así o salientou nun encontro en Sober con rexedores das 26 localidades de Lugo e Ourense que integran o territorio da candidatura Ribeira Sacra. Paisaxe da auga, no que estivo acompañado polo director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes.
Nesta xuntanza, o titular de Cultura do Goberno galego tamén lles informou dos “satisfactorios resultados” da reunión mantida co ministro de Cultura, Ernest Urtasun, para “coordinar conxuntamente actuacións de diplomacia e promocións que permitan ofrecer o máximo impulso á candidatura nestes últimos meses antes da gran decisión que terá lugar na cidade coreana de Busán”. Ao respecto, López Campos incidiu na importancia destas citas para “preparar a conciencia e con rigorosidade unha consistente folla de ruta para os vindeiro meses”.
O Conselleiro destacou todo o traballo de promoción que se está a levar a cabo, facendo fincapé no desenvolvido na recente Feira internacional de Turismo Fitur, en Madrid. Neste encontro a Xunta “deixou constancia do carácter único da Ribeira Sacra, amosando a espectacularidade dos canóns e vales fluviais esculpidos pola auga ata o relevante do seu patrimonio hidráulico, con infraestruturas que teñen chegado aos nosos días desde a revolución tecnolóxica medieval con muíños, centrais ou os saltos impresionantes de auga”.
Por estes motivos, e pola “boas impresións cara á candidatura recibidas no proceso”, o representante do Goberno galego reiterou que a Xunta está confiada en que a Ribeira Sacra se faga co “merecido e honroso recoñecemento internacional”, ao tempo que se amosou “máis que satisfeito” co traballo realizado para conseguri “Un compromiso compartido e colectivo que agradecemos sinceramente e que estamos convencidos de que se manterá nestes momentos decisivos”, concluíu.
A Deputación Provincial e a Subdelegación do Goberno apoian a candidatura da Ribeira Sacra e apoian os seus valores
Olimpia López subliña que a Ribeira Sacra “reúne valores excepcionais desde o punto de vista cultural, paisaxístico e histórico, resultado da relación secular entre o territorio e as persoas que o habitan, que fixeron posible unha paisaxe única marcada pola viticultura e a riqueza natural dos canóns do Sil e do Miño”. A subdelegada destacou tamén nesta recta final que “a colaboración institucional está sendo clave para consolidar unha candidatura sólida e rigorosa, capaz de acadar o recoñecemento da UNESCO”.
Lembrou a subdelegada que o Goberno de España está a impulsar en Galicia un modelo turístico máis sostible, diversificado e de maior valor engadido, en consonancia cos principios que representa a Ribeira Sacra e que contribúe a xerar oportunidades económicas, emprego e cohesión territorial.
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, tamén participou do encontro no que se expuxeron as últimas xestións administrativas realizadas antes de que o Consello Internacional de Monumentos e Sitios, o ICOMOS, emitise o seu informe de avaliación. Ábrese agora unha fase de exposición “máis política” para dar a coñecer o proxecto entre os 21 países integrantes do Comité da UNESCO. Está previsto que a resolución das candidaturas a Patrimonio Mundial teña lugar en Busán, República de Corea, entre o 19 e o 29 de xullo.
García Porto puxo en valor a implicación total da institución provincial nas diferentes etapas para a consecución desta distinción internacional, que impulsou a propia entidade no 2011 e baixo a presidencia de José Ramón Gómez Besteiro liderando unha campaña de mobilización institucional e social coa que recolleu máis de 40.000 firmas.

Reunión Ribera Sacra Patrimonio 2026 / Consellería de Cultura

