Este programa responde ás necesidades de cada municipio, reforzando a súa autonomía e responsabilidade. Ademais, garante unha distribución dos fondos transparente e baseada en criterios obxectivos, favorecendo así a equidade e o desenvolvemento equilibrado do territorio. O reparto baséase na ponderación dos concellos en canto a poboación (40%); núcleos de poboación (25%), superficie (20%), ou o envellecemento da poboación (15%), cun límite por municipio dun mínimo de 150.000€ e un máximo de 600.000€.
A voceira socialista, Pilar García defendeu o carácter equitativo e obxectivo do reparto dos fondos deste Plan, co que “máis do 60% dos fondos destínanse a infraestruturas e servizos básicos, con máis de 12M€ para arranxo de estradas, mellora de accesos e pavimentacións, actuacións fundamentais para fortalecer a cohesión territorial e garantir igualdade de oportunidades entre todas as zonas da provincia”.
Superan os 17M€ os investimentos, as obras e as subministracións, que son o gran eixo do Plan Deputación e destacan cunha dotación de 12M€ os fondos destinados ao arranxo de estradas, accesos a núcleos e pavimentación. En total, son 301 actuacións repartidas entre os 67 concellos da provincia. Ademais da renovación de firmes en vías, pistas e camiños municipais, estes fondos servirán para acometer redes de abastecemento de augas, mellorar o alumeado público, manter e crear locais sociais, realizar plans de ordenación de tráfico ou contribuír á conservación do patrimonio, mellorar instalacións públicas ou dotar aos concellos doutras novas e, en definitiva, á atención de necesidades que presenta cada unha das localidades en materia de infraestruturas.
En relación co fomento do emprego, os concellos destinarán 3,7M€ a impulsar iniciativas que permitan a creación de postos de traballo. Un dos programas máis importantes, que axuda a que as persoas consigan asentarse no lugar onde residen, á vez que se fai fronte ao desemprego e se xera riqueza en cada unha das localidades.
En total, grazas ao Plan Deputación, vanse crear 274 postos de traballo de emprego básico e proximidade, priorizando o mantemento municipal, os servizos públicos esenciais e a dinamización turística e social, adaptando ás necesidades reais de cada concello. Postos con funcións moi diversas, como peóns, oficiais e operarios cualificados, auxiliares administrativos, persoal de limpeza, técnicos de turismo, monitores deportivos, animadores, auxiliares de atención a maiores, periodistas, enxeñeiros ou arquitectos.
Os Servizos Sociais constitúen o terceiro gran bloque do Plan Deputación, porque axuda aos concellos a financiar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) aos concellos de menos de 20.000 habitantes. Un programa fundamental para que as persoas maiores, dependentes ou con algún tipo de discapacidade poidan seguir vivindo na súa casa recibindo apoio profesional para a atención persoal, apoio doméstico, acompañamento e supervisión. A institución provincial achega aos municipios máis de 2M€, que se suman aos 1,3M€ dos concellos para garantir un servizo esencial, básico para o benestar e moi demandado na provincia polo envellecemento da poboación.
A través desta ferramenta provincial fináncianse 200.000 horas de SAF que permiten que unhas 2.000 persoas na provincia queden na súa casa. En cada caso, realízase unha valoración técnica que establece que tipo de actuacións é necesario levar a cabo para dar a resposta máis axeitada posible. Ademais o SAF é un servizo que xera un gran volume de emprego nos municipios. A maior parte das persoas que traballan no SAF son mulleres que residen no propio municipio, un feito que lles permite desenvolver a súa vida profesional sen ter que realizar grandes desprazamentos e avanzar en materia de conciliación.
Os concellos destinarán preto de 900.000€ a actividades culturais, deportivas e turísticas. Este apartado permite financiar concertos, actuacións, edición de libros, escolas de música ou eventos tradicionais como o Entroido, os magostos ou o Nadal.
Tamén posibilita campañas de promoción turística e actividades deportivas como cursos, carreiras populares ou torneos.
Así mesmo, este ano os concellos seguen apostando por investir na mellora da administración electrónica e de protección de datos, un programa que ascende a 235.542,86€. O Plan Deputación tamén inclúe nas súas bases un apartado propio para Protección Civil ao que poden acceder aqueles concellos que dispoñen destas agrupacións. Neste programa este ano vanse incluír gastos correntes relativos a estas unidades que ascenden a máis de 17.000€. En canto ao programa relativo a feiras, mercados e outros, nesta anualidade os municipios decidiron destinar 277.359,39€, unha cantidade que medra de xeito significativo respecto a anualidades anteriores. A Deputación colabora así con algún dos eventos máis importantes da provincia, como a Feira do Butelo, da Fonsagrada; a Festa da Augardente de Portomarín; a Festa da Cereixa de Ribas de Sil; a Feira de Santos; en Monterroso; a Festa da Androlla, en Navia de Suarna; a Feira do Viño, en Quiroga; ou a Feira da Primavera, do Páramo, entre moitas outras citas.
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, destaca que “o Plan Deputación diferéncianos doutras formas de gobernar, repártense os fondos con criterios obxectivos (poboación, número de núcleos, superficie e envellecemento) e que favorecen claramente aos concellos máis pequenos”.

