O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra estará un ano máis no Salón Gourmets de Madrid, concretamente situarase no Pavillón 6 (Stand 6G10-2), dentro do espazo institucional da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL).
Trátase dunha cita anual dedicada exclusivamente aos produtos de alimentación e bebidas de alta gama, contando nesta edición cunha superficie de 65.000 m² onde se presentan máis de 55.000 produtos ante un perfil profesional composto por distribuidores, hostalaría, tendas especializadas e prensa técnica.
ESCAPARATE PROMOCIONAL PARA AS ADEGAS E TÚNEL DO VIÑO
O Consello Regulador aproveitará a visita a este prestixioso escaparate para reforzar a súa estratexia de apoio ás adegas inscritas, facilitando o contacto dos seus viños cos canais de comercialización nacional e internacional. Así mesmo, lembrará ao público especializado as particularidades do territorio que lle dan personalidade os seus viños, concretamente as condicións de cultivo e a orografía característica da Ribeira Sacra que configura a coñecida como ‘viticultura heroica’.

Para presentar os seus caldos a D.O. Ribeira Sacra disporá dun Túnel do Viño cun total de 25 mostras representativas da súa produción actual: brancos da variedade Godello (colleitas 2024 e 2025, incluíndo Godello Barrica) e unha ampla selección de tintos encabezada pola Mencía (anadas 2020, 2022, 2023, 2024 e 2025 en categorías de Barrica e Garda), ademais de Brancellao Barrica e Tinto Summum.
AXENDA DE ACTIVIDADES
A axenda programada inclúe, o 14 de abril, a participación no 1º Curso de Embaixadores de Viños de Pequenas D.O. na Escuela Española de Cata; e o 15 de abril (de 13:00 a 13:45 h) unha cata comentada de viños da D.O. Ribeira Sacra. Esta última sesión técnica estará orientada a profesionais do sector onde se analizarán as características das variedades autóctonas e os factores xeográficos que determinan a produción vitivinícola na Denominación de Orixe.
A atención técnica no stand e o desenvolvemento das actividades oficiais correrán a cargo de Ruth Fernández Vidal.

