HomeCulturaSarria<30, programa de formación e emprendemento cultural que chega en maio á...

Sarria<30, programa de formación e emprendemento cultural que chega en maio á comarca sarriá

A comarca de Sarria acollerá no mes de maio a iniciativa de formación e emprendemento cultural Sarria<30, apoiada pola Xunta no marco do programa de axudas Territorio Cultura. Recoñecidos profesionais do sector impartirán nos distintos concellos laboratorios sobre xestión de eventos musicais, danza contemporánea, patrimonio inmaterial ou relación entre cultura e turismo, entre outras temáticas.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A programación do Sarria<30 inclúe unha serie de laboratorios que contarán con recoñecidos profesionais do sector. Serán abertos a todos os públicos, aínda que están especialmente orientados á mocidade darredor de 30 anos. As accións están enfocadas a favorecer a transferencia de coñecementos entre os asistentes, xerar redes e identificar oportunidades de emprendemento no ámbito cultural.

En canto ao calendario previsto, O Incio albergará o 2 de maio un laboratorio sobre xestión de eventos musicais impartido pola presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais, Patricia Hermida. En Sarria, o dramaturgo e profesor da Escola Superior de Arte Dramático Ernesto Is dirixirá os sábados 2 e 9 dúas sesións de teatro, a primeira delas enfocada especialmente á diversidade e a inclusión.

En Láncara experimentarase coa danza contemporánea o domingo 10 da man da directora da compañía Pisando Ovos, Rut Balbís. Pola súa banda, Paradela albergará o sábado 16 unha xornada sobre literatura, rutas e certames, conducida por Manuel Bragado, editor e referente do sector literario en Galicia.

Tamén haberá espazo para o canto e o baile tradicional, con senllos talleres no Páramo -o sábado 16 – e Samos – o sábado 23 –. O de canto estará guiado polo artista Davide Salvado e o de baile por Chus Caramés e Ruth Pérez, ambas expertas na disciplina e recoñecidas polo seu traballo de recuperación, difusión e ensino da danza galega. No que respecta a Triacastela, o especialista en dinamización territorial e turismo cultural Manuel Gago afondará na relación entre cultura e turismo o sábado 23.

Por último, Sarria acollerá o sábado 30 un evento central na Praza de Abastos que contará con entrevistas abertas, mesas de debate, exposicións e diferentes actividades participativas.

O delegado territorial, Javier Arias destaca que o programa Territorio Cultura responde ao obxectivo da Xunta de “achegar as actividades culturais a todos os lugares”, en liña con outras accións como o programa O Teu Xacobeo, que despois do éxito da anterior edición foi convocado novamente este ano de cara á celebración do 2027. O prazo para presentar proxectos xa está aberto a través da sede electrónica da Xunta.

ÚLTIMAS

Premio ao Mellor Documental para o Colexio Escolapios de Monforte nun Festival Escolar Internacional

O Real Colexio Escolapios de Monforte vén de recibir o premio ao mellor documental...

Xa se coñecen os gañadores do XII Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra

O Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra celebrou este sábado a súa xornada...

A cafetería do Complexo Deportivo da Pinguela será de libre acceso tamén para o público xeral

A cafetería do Complexo Deportivo da Pinguela comezou xa a prestar servizo ás persoas...

A Deputación arranxará a LU-P-4707 que comunica Veneira con Roques na Pobra do Brollón

O representante do PSdeG, Adolfo Rubio, valora que a Deputación se reunise directamente coa...