HomeMedio ambiente e PatrimonioO Xeoparque Montañas do Courel, anfitrión na I Olimpíada de Bioloxía da...

O Xeoparque Montañas do Courel, anfitrión na I Olimpíada de Bioloxía da ESO de Galicia

Está convocada polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (COBGA) e está dirixida ao alumnado de 4º curso de Educación Secundaria Obrigatoria dos centros educativos galegos. Os grupos finalistas realizarán probas teóricas e prácticas nas instalacións do IES de Quiroga o 30 de maio.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

A I Olimpíada de Bioloxía da ESO de Galicia, dirixida ao alumnado de 4º curso de Educación Secundaria Obrigatoria dos centros educativos galegos e organizada polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, ten como obxectivo estimular o interese da mocidade galega polas ciencias biolóxicas e pola investigación. Con ese propósito quérese que, tanto esta como as seguintes edicións, teñan como sede espazos de interese natural da nosa comunidade, co cal esta primeira convocatoria terá como protagonista ao Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel, un territorio que abrangue os concellos de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil.

ÉXITO DE PARTICIPACIÓN E PROCESO DA COMPETICIÓN

Pechado o período de inscrición, na primeira convocatoria participarán 593 estudantes de 45 centros públicos, concertados e privados das catro provincias galegas. Un comité académico organiza o proceso sendo responsable das distintas fases teóricas e prácticas desta gamificación da Bioloxía. O proceso estará coordinado pola profesora Iria Chapela, docente do CPI Cova Terreña de Baiona.

A primeira fase, a finais de abril, será telemática, e nela os case 600 estudantes realizarán unha proba sobre coñecementos e destrezas de Bioloxía adquiridos ao longo da Educación Secundaria Obrigatoria, cun enfoque competencial, ademais de repasar os conceptos fundamentais das ciencias da vida. Desta fase seleccionaranse os 10 estudantes con maior puntuación, que encabezarán 10 grupos de 3 estudantes, un por cada un dos dez centros gañadores. Polo tanto, a fase final enfrontará grupos colaborativos.

Os grupos finalistas acudirán ao Xeoparque Montañas do Courel o sábado 30 de maio para realizar probas teóricas e prácticas nas instalacións do IES de Quiroga. O Departamento de Ciencias Naturais do instituto quirogués colaborará poñendo á disposición da organización os seus equipos, cooperación e instalacións. Na mesma xornada coñecerase o equipo gañador de Galicia.

Paralelamente programaranse ao longo do día outras actividades lúdicas e divulgativas organizadas polo Xeoparque e coordinadas polo xeólogo da entidade, Roi Sampedro.

VALORACIÓNS

Pablo Fernandes, xerente do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, afirma que, “o Colexio de Biólogos ten entre as súas funcións a promocionar e fomentar o progreso da bioloxía, o desenvolvemento científico e técnico da profesión, así como a solidariedade profesional e o servizo da profesión á sociedade polo cal considera que é un deber organizar estas probas como fontes de vocacións científicas. Por outra banda non podemos mais que agradecer a implicación do Xeoparque UNESCO Montañas do Courel coa olimpíada de bioloxía de bacharelato e con esta a I Olimpíada Galega da ESO, froito do convenio citado”.

O presidente do Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel, Roberto Castro, afirma que “é unha satisfacción que o Colexio Oficial de Biólogos teña elixido este territorio como o lugar onde arranca a historia da Olimpíada de Bioloxía de Galicia de educación secundaria obrigatoria. Será un pracer recibir, no mes de maio, aos 10 mellores centros educativos galegos e os 30 mellores estudantes na primeira fase da proba. Os concellos de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil teñen moito que ofrecer desde o punto de vista natural, social e cultural, e esta convocatoria será unha nova oportunidade de amosalo á sociedade galega”.

ÚLTIMAS

CV Ciudad de A Coruña gaña o Campionato Galego de Volei Feminino Cadete que se celebrou en Monforte

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, xunto co Concelleiro de Deportes, José Manuel...

Do 21 de abril ao 20 de maio pódese solicitar a inscrición en Artelemos 2026

As artesás e artesáns interesados en participar deberán presentar o modelo normalizado de solicitude...

Xornada informativa sobre a regularización extraordinaria de persoas migrantes, este 22 de abril no Auditorio Municipal de Chantada

A actividade que se desenvolverá no Auditorio Municipal de Chantada está aberta ás persoas...

Este 20 de abril celébrase a imposición das Medallas do Concello de Monforte aos policías locais Eusebio Cuesta, a título póstumo, e Francisco Cao

A imposición de Medallas pon fin ao procedemento de Símbolos e Distincións recollido na...