A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) instou ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a intervir de forma urxente ante a falta de persoal na presa de Vilasouto e o Regadío Val de Lemos. Segundo denuncia o sindicato, esta situación está a provocar que haxa quendas cubertas por unha soa persoa e que un dos servizos poida quedarse sen ningún traballador nos próximos días.
Requiren unha resposta inmediata por parte do Ministerio, ao afectar directamente á seguridade dos traballadores e ao funcionamento destas infraestruturas. “Na presa de Vilasouto, a falta de persoal obriga a traballar en solitario tanto de día como de noite. Actualmente, só hai un empregado na quenda de mañá e dous traballadores que cobren as quendas nocturnas, tamén en solitario e alternándose por semanas. Isto implica que, se ocorre un accidente, non hai apoio inmediato para intervir ou pedir axudar, o que aumenta o perigo, sobre todo tendo en conta que se trata dunha instalación con avaliación de risco de espazo confinado”, afirman.
E engaden que a situación é aínda máis crítica no Regadío Val de Lemos. Segundo CSIF, en breve non quedará ningún traballador asignado, tras o traslado da única persoa que ocupa actualmente o posto, o que deixaría o servizo sen cobertura. “Este escenario responde a unha redución drástica de persoal: de nove traballadores entre ambos os centros pasouse a só tres. Para o sindicato, esta cifra é insuficiente para garantir a seguridade e o funcionamento básico do servizo”, conclúen.
Nesta situación reclaman ao Ministerio; a avaliación urxente dos riscos laborais, especialmente en traballos en solitario e en espazos confinados; a reposición inmediata de efectivos en ambos os centros; a cobertura de todas as vacantes, priorizando criterios de seguridade e saúde laboral.

