Xosé Ferrín, orixinario de Carballo de Hospital, leva traballando nas emerxencias sanitarias dende o ano 1998, primeiro cubrindo a comarca de Quiroga e agora cubrindo a comarca de Lemos.
Durante o Faladoiro, Xosé Ferrín, dará a coñecer a importancia do seu labor e tamén consellos que poden salvar vidas. Para facer o espazo máis distendido tamén contará algunha anécdota das moitas que terá traballando neste servizo durante case dúas décadas.
O Faladoiro é unha actividade que promove o Concello de Quiroga dende a Concellería de Servizos Sociais e Participación Cidadá. Moderado polo concelleiro Xosé Manuel Fernández lévase a cabo os derradeiros mércores de cada mes, ás seis da tarde, nas instalacións do Centro Social. Trátase dun espazo aberto á veciñanza para a socialización, o coñecemento e a participación cidadá, onde tras unha breve presentación da persoa convidada, os participantes poden intervir con preguntas ou contando as súas propias experiencias.

