Unha nova edición da Feira do Viño de Vilachá celébrase na ponte de maio no conxunto de adegas medievais da Abelaira, parroquia de Vilachá de Salvadur, A Pobra do Brollón. Participan as adegas Adega Vella, Beatus Ille, Bico de Lagar, Casa do Curuxo e Sernande, ademais de sete adegas baixo o réxime de furanchos: AL-DE, Fidalgo, José Rodríguez López, Morales, O Currio, Outeiro e Os Conventos. A maiores, hai unha adega convidada, Tear, procedente de Sober.
Tamén se contará con once grupos musicais. O venres, Os Parrandas e Batukada Tukupá. O sábado, estarán animando Os Ministreles, Os Corenta e Chinco, Os Bochetas do Sil, Son do Mao e Os Tarabelos. O domingo a música virá da man da Escola municipal Samoeiro, Os Triskeles, Os Somontanos e Cantareiras de Fornelas. Ao longo dos tres días haberá postos de artesanía e de comida, ademais dos postos de polbo o sábado e domingo.
O sábado 2, Juanjo Figueroa, presidente da Asociación de Sumilleres de Galicia, guiará unha cata de seis viños que expresan, cada un ao seu xeito, as singularidades da paisaxe e a uva de Vilachá. Para participar na cata, que comezará ás 13:00 horas, é preciso reservar xa que as prazas son limitadas. As reservas débense facer vía WhatsApp no teléfono 650624828. O prezo son 15 euros por persoa, que inclúen os seis viños e a copa da Feira.
O domingo ás 13:00 horas terá lugar o pregón a cargo de Mónica Fernández. Con orixes en Quiroga, ao longo da súa carreira, Fernández obtivo importantes galardóns polo seu labor de sumiller e directora de sala; entre eles, o ‘Prix au Sommelier’ outorgado pola Academia Internacional de Gastronomía en 2017 e o Premio Nacional de Gastronomía 2016 a Mellor Directora Sala. Actualmente é directora de sala e sumiller do Grupo Bambú, que conta con restaurantes por todo o territorio español.
O pregón finalizará coa actuación do alumnado da Escola municipal de música Samoeiro. Na tarde do domingo, ás 17:00 horas, está programada a cata-concurso dos viños de furancho. Concederanse dous premios, o do xurado e o popular. Ambos se deciden no mesmo momento nunha cata a cegas dos viños dos furanchos participantes nas categorías de branco e tinto.
A participación e a rotación pola Feira de Vilachá tamén se fomenta cun sorteo dun circuíto termal para dúas persoas no Hotel Iberik Augas Santas (Pantón). Para participar, hai que conseguir os selos de seis adegas e/ou furanchos participantes na Feira. As tarxetas seladas deposítanse no punto de información da Feira para participar no sorteo. Toda a información da Feira do Viño de Vilachá pódese consultar nas redes sociais e web do Concello da Pobra do Brollón (www.concellodapobradobrollon.gal).


