Na zona urbana, o Concello destinará un total de 574.958,96 euros á mellora de diversas rúas principais:
–Avenida de Galicia e rúa Chantada: A intervención esténdese desde o cruce da rúa Cardenal ata a Rotonda do Hórreo. Procederase ao fresado do firme actual e á súa renovación integral, “suprimindo os remendos que fixo a Xunta de Galicia”, explicou o alcalde. A actuación inclúe nova sinalización horizontal e vertical. O proxecto licitarase esta mesma semana, cun orzamento estimado que ascende a 174.279 euros.
-Rúa Vigo: Licitada este mesmo martes. Renovarase o firme desde a estrada da Vide ata o barrio do Casar, incluíndo a reparación de cortes existentes debido ás obras ou avarías da auga, e a correcta sinalización en toda a rúa. O investimento será de 122.734,67 euros. O alcalde destacou que este proxecto “vai permitir unha boa urbanización do barrio do Casar”.
-Rúa Pintor Luis Seoane: Actuarase no seu tramo inicial, desde a estrada de Chantada ata o remate das vivendas na marxe dereita, rebaixando todo o firme actual para que a cota do no novo firme quede á mesma altura, evitando así que as augas pluviais entren nos edificios. Dotarase de sinalización horizontal e vertical da que agora non dispón. O orzamento deste proxecto é de 11.214,05 euros. Esta obra, indicou o rexedor, “adxudicarase a través dun contrato menor á empresa que gañe o concurso da rúa Chantada ou da rúa Vigo, pola proximidade xeográfica e facilidade para mover as máquinas”.
-Rúa Calvo Sotelo: Mellorarase o firme e a sinalización dunha das principais vías de conexión do barrio da Estación co centro urbano e de saída cara a N-120 en dirección Castro Caldelas, Ponferrada ou Ourense. A actuación consiste no fresado de toda a superficie e reparación dos afundimentos centrais que presenta na metade final cara a Estación, mantendo os redutores de velocidade. Colocarase nova sinalización, completando o arranxo de todas as rúas que comunican o barrio da Estación coa resto da cidade. Neste senso, Tomé Roca destacou que “é a primeira vez que o barrio da Estación ten case todas as rúas arranxadas, xa que algúns veciños xa nos propuxeron mellorar tamén o firme da rúa Coruña, polo ruído que xera”. O investimento na rúa Calvo Sotelo ascende a 182.735,41 euros.
-Zona Montepando-Bouza Brey: Acondicionarase unha pista, “que na práctica son 3, que comeza xunto ao paso a nivel da rúa Escultor Francisco Moure e discorre en forma de Z ata chegar á rúa Reboredo, xunto ao paso a nivel do Reboredo”. Neste traxecto inclúense tamén dous ramais que dan servizo a casas illadas desa zona, cruzando a N-120 por pasos inferiores. Con esta intervención, que vai consistir en aglomerado en quente e sinalización, “quedarán arranxadas todas as pistas da zona”. O orzamento de licitación ascende a 73.995,83 euros.
Actuacións na zona rural
No rural, o investimento total ascende a 484.784,27 euros, con actuacións previstas en catro parroquias:
- Piñeira: Faranse 3 obras, a vía que une a estrada de Sober no centro de Piñeira coa estrada de acceso ao Polígono do Reboredo, que consistirá en traballos de regularización do firme, capa de aglomerado en quente e a correspondente sinalización. Este proxecto alcanza os 177.770,29 euros. Prevese tamén a mellora de dúas pistas que saen do lugar de ‘O Bosque’ para unirse na rúa Reboredo, unha delas xunto ao taller mecánico onde rematan os edificios da beirarrúa da dereita, e a outra despois da N-120, pasando xunto a unha finca que fai eventos de hostalería. Esta intervención nas dúas pistas ten un orzamento de 103.825,63 euros.
- Ribas Altas: Arranxaranse todas as pistas da marxe dereita da estrada de Monforte a Lugo, cun orzamento de 111.231,98 euros.
- Marcelle: Mellorarase con rego asfáltico da pista que une a recta de Marcelle ata o núcleo de ‘A Meda’ e arranxaranse as pistas que unen os Asenxos e do Seixo, cun investimento de 48.370,71 euros.
- San Julián de Tor: Actuarase na pista Eirexe-Outeiro, incluíndo melloras no firme e nalgún treito de muro lindante coa pista, cun orzamento de 43.585,66 euros.
En conxunto, estas actuacións supoñen un investimento superior ao millón de euros que, segundo destacou o alcalde, José Tomé, “vai permitir seguir mellorando tanto as parroquias como rúas principais da cidade, reforzando a seguridade vial e as comunicacións e, en definitiva, mellorando a calidade de vida da veciñanza”.

