O BNG de Monforte vén de rexistrar unha solicitude de información dirixida á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para aclarar a actuación que se está a levar a cabo na contorna de Vilanova, no río Cabe. A Confederación ten prevista a execución dunha serie de actuacións de emerxencia destinadas a reparar os danos provocados polos temporais deste inverno nas beiras do río ao seu paso por Monforte, cun investimento próximo aos 990.000 euros. Estas intervencións localizaríanse entre a zona do Club Fluvial e a parroquia de Ribas Altas.
O BNG asegura que “entende e comparte a necesidade destas obras de acondicionamento e recuperación das marxes tras as medradas do río. Porén, considera absolutamente inxustificable o destrozo que se está a producir na zona de Vilanova, afastada do ámbito previsto das actuacións”.
Tras recibir avisos da veciñanza e realizar unha visita á zona, a formación nacionalista puido comprobar que na contorna de Vilanova se están a desenvolver movementos de terra de gran envergadura sen aparente relación cos traballos anunciados. “Estamos a falar dunha actuación que está a provocar unha alteración moi significativa das beiras do río nunha zona de alto valor ambiental e social, como é Vilanova, sen que exista unha explicación clara que a xustifique”, sinala Manuel Luaces Fernández.
Lembran desde o BNG que aproximadamente a metade da zona de Vilanova é propiedade do Concello de Monforte, polo que se pregunta se o goberno local ten coñecemento das actuacións que se están a levar a cabo. A outra metade dos terreos pertence a un particular, quen, segundo a información recollida, descoñecía totalmente a actuación executada ao non ter recibido ningún tipo de notificación previa. “Estamos ante unha situación moi preocupante: actuacións de gran impacto sobre dominio público e propiedades privadas sen información clara nin constancia de comunicación ás persoas afectadas”, engade Luaces.
A formación nacionalista denuncia tamén a falta de información pública sobre estes traballos. “O cartel existente na obra non inclúe nin número de proxecto nin referencia a ningunha licenza municipal e, ademais, fai mención a unha actuación en Sambade, unha zona distinta e situada augas arriba, o que xera aínda máis confusión”, explica.
O PP demanda que a CHMS cumpra coas súas obrigas de mantemento e limpeza dos ríos
A finais do pasado mes a deputada autonómica e portavoz do Partido Popular de Monforte, Katy Varela, defendeu no Parlamento de Galicia unha iniciativa para reclamar á Confederación Hidrográfica Miño-Sil que cumpra coas súas obrigas de mantemento e limpeza dos ríos e regatos da súa competencia.
A deputada popular denunciou que a falta de limpeza en ríos e regatos provocou situacións de risco e danos materiais en distintos puntos, como ocorreu en Monforte, “onde varios barrios sufriron inundacións debido á acumulación de maleza, troncos e obstáculos que impedían o correcto fluxo da auga”.
A popular subliñou tamén a diferenza de actuación entre a CHMS e Augas de Galicia, destacando que “o organismo autonómico conta cunha planificación continua e investimentos estables para o mantemento dos ríos, mentres que a confederación estatal carece de medios permanentes suficientes”. Con todo pedía que a Xunta se dirixa á Confederación Hidrográfica Miño-Sil para que leve a cabo unha correcta actuación de mantemento e limpeza dos ríos e regatos da súa competencia, ao tempo que solicita aos concellos que actúen nos tramos que lles corresponden.

Katy Varela Parlamento / PP

