O acto celebrado este mércores rendeu homenaxe ao traballo realizado durante estes anos no Hospital e ao compromiso dos seus profesionais. O rexedor, José Tomé, que tivo que ausentarse para asistir á saída da 4ª Etapa de La Vuelta Femenina, saudou á Directora do Distrito Sanitario de Monforte, María Inmaculada Ramos, ao Xerente do Sergas, José Ramón Parada, e ó Xerente da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares Rico, e participou nas actividades do inicio do programa.
Para o alcalde, a posta en marcha do Hospital de Monforte hai 40 anos foi un “fito” que supuxo un punto de inflexión na atención sanitaria de Monforte e do conxunto da comarca: “A creación deste hospital marcou un antes e un despois nas vidas de todos os monfortinos e monfortinas; os que o vimos nacer coñecemos moi ben a influenza que tivo no progreso e no crecemento da nosa cidade”.
Tomé sinala que co 40 aniversario do Hospital celébranse tamén catro décadas de historia de Monforte e fixo referencia ao impacto que tivo no desenvolvemento do propio entorno da Corredoira, hoxe barrio do Hospital, e ao seu papel como dinamizador da economía do municipio, “A creación de emprego foi fundamental tamén para atraer e fixar poboación e para impulsar a actividade económica, os postos de traballo que creou o Hospital compensaron con creces os que se perderon no Ferrocarril, no Butano ou na Chacinera”, indica.
O rexedor trasladou tamén o agradecemento ao persoal sanitario, administrativo e de servizos que exerceron e exercen neste centro sanitario, “xeracións enteiras de profesionais dedicados a velar pola nosa saúde e a coidarnos, compromiso que tivo o seu máximo expoñente durante a pandemia. Faise necesario seguir apostando por unha sanidade pública de calidade, próxima, accesible e humana”, concluíu.

