HomeEn profundidadeDaniel Areán: “A última vez que contei as medallas tiña 203”

Daniel Areán: “A última vez que contei as medallas tiña 203”

O taekwondista de Taboada vén de gañar dous metais en Londres e prepárase xa para o Open nacional de Ciudad Real o vindeiro 24 de maio.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Falamos con Daniel Areán Grejs, un mozo da parroquia de San Mamede, no Concello de Taboada, que practica o taekwondo dende os dez anos. Coméntanos que chegou a este deporte por unha coincidencia, cando o seu adestrador foi a Taboada dar clases nas escolas deportivas. “Non me gusta o fútbol nin outras actividades e quixen probar. Gustoume a min e aos meus pais e así empecei”, di.

A principios de maio competiu en Londres, e volveu con dúas medallas. Concretamente unha de prata no ‘Open de Londres’ e unha de ouro na coñecida como ‘President’s Cup’ formando parella con Laura Álvarez. Agora agarda xa á vindeira competición o día 24 de maio que será o ‘Open de España’ en Ciudad Real.

Que atopas de positivo coa práctica do taekwondo?

Que tes unha actividade física, que ademais axuda a ter disciplina e coordinación.

Nos case once anos que levas neste deporte, como te trataron as lesións?

Son moi afortunado pois nunca tiven nada importante. É unha sorte.

“Os adestradores que temos no Neka de Monforte cóidannos moito”

Aparte da sorte, hai algo que axude a evitalas?

Depende de como te coides, como adestres… É importante ter moito coidado e adestrar con cabeza e estratexia para que as cousas saian ben. Os adestradores que temos no Neka de Monforte cóidannos moito, trabállase moito o quecemento e os estiramentos.

Cónstanos que levas gañado unha chea de medallas, cantas podes ter?

A última vez que as contei foron 203 en total.

Algunha ou algunhas cun sentido especial para ti?

Cada unha ten un recordo especial. Consérvoas todas e a primeira que gañei téñoa apartada. Fun ouro tras disputar o meu primeiro campionato. Era cinto amarelo e disputábase o Campionato Provincial Amateur de Ourense. Outra importante foi a medalla de bronce no Mundial de Corea, en Goyang, no ano 2022. Esta creo que por ser un mundial e porque teño moi bos recordos desa primeira viaxe que fixen fóra de Europa, foi unha experiencia incríbel. Ademais, foi unha tempada dura e apoioume moita xente, o esforzo tivo recompensa.

“Outra importante foi a medalla de bronce no Mundial de Corea, en Goyang, no ano 2022”

Como deportista de alto nivel, o esforzo e o sacrificio estarán moi presentes?

Evidentemente. Viaxas moito, coñeces xente… pasas moito tempo coa túa ‘minifamilia’, a xente coa que adestras, pero tamén quitas tempo para ti e a túa familia. Estes sacrificios son os que me dan máis pena…

Algúns taekwondistas que admires?

A Álex Camba pola consistencia que lle pon a todo, a Laura Álvarez polo perfeccionista que é… e como non, aos meus dous maestros: José María Vega e Juan Carlos Eiriz.

Supoño que vas compaxinando cos estudios?

Si, estudio Fisioterapia en Coruña.

Que outros deportes che gustan e practicas?

Saír a correr. Resúltame moi relaxante e axúdame a desconectar da universidade e do taekwondo.

E xa para rematar, cales son as túas competicións máis próximas?

O día 24 de maio o ‘Open de España’ en Ciudad Real que puntúa para clasificar para Europa. E xa en setembro o Mundial que se celebra en Corea.

ÚLTIMAS

O mellor alumnado galego de Bioloxía de Bacharelato e da ESO recibe clases intensivas nas Montañas do Courel

Son seis os alumnos e alumnas que participan activamente nestas clases especializadas nas Montañas...

Por Chantada denuncia as incidencias eléctricas no municipio con horas sen luz e esixe responsabilidades

A formación política asegura non entender que "nun dos Concellos que máis enerxía produce...

270.000€ para dotar de luminarias a ronda urbana e o paseo fluvial de Monforte

Por unha banda actúase no tramo da ronda urbana comprendido entre a rotonda do...

240 alumnos de 0 a 3 anos disporán no curso 2026-2027 de educación gratuíta na zona sur de Lugo

O prazo para formalizar a matrícula nas escolas infantís autonómicas rematou o pasado venres,...