HomeCulturaDavide Salvado presenta o seu novo traballo na mostra de cinema portugués...

Davide Salvado presenta o seu novo traballo na mostra de cinema portugués na Ribeira Sacra ‘Vendaval’

Será o 31 de maio na Casa da Memoria de Xullán, no Concello de Bóveda. No espectáculo en directo que ofrecerá estará acompañado por Cibrán Seixo, ambos grandes coñecedores non só da música tradicional galega, senón da música atlántica: fado, bolero, jazz... Vendaval, Mostra de Cinema Portugués da Ribeira Sacra terá lugar do 23 ao 31 de maio.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Do 23 ao 31 de maio terá lugar o pase de primavera do Vendaval, Mostra de Cinema Portugués da Ribeira Sacra, evento que regresa co último pase da 2ª Mostra de Cinema Portugués, edición que comezou en agosto de 2025 e foi dividida en varios momentos ao longo do ano. Como nas edicións anteriores, desenvolverase en diversos puntos dos concellos de Sober, Bóveda, Sarria, Chantada e Monforte e o programa inclúe proxeccións, música en directo, coloquios, catas de viños e actividades didácticas para a institutos e escolas.

Unha das novas salientables deste pase é a presenza do artista Davide Salvado, que chega á mostra para presentar o seu último traballo. Tras varios anos de labor silencioso, o músico marinense publica o 12 de maio o seu novo álbum Permita Deus, un traballo que nace do rural, da vida tranquila que resiste, da ecoloxía como xeito de estar no mundo. Pois ben, unha das primeiras presentacións en directo terá lugar no Vendaval o domingo 31 de maio ás 13:00 h nun espectáculo íntimo en formato dúo con Cibrán Seixo na Casa da Memoria de Xullán, en Bóveda. Salvado e Seixo son grandes coñecedores non só da música tradicional galega, senón da música atlántica: fado, bolero, jazz… Ao remate do concerto haberá xantar popular e conversa cos artistas.

Salvado é un dos referentes da música tradicional galega que ten actuado, entre outras e outros, con Budiño, Cristina Pato, Ugia Pedreira ou Anxo Pintos. Conta con tres discos en solitario e en 2014 recibiu o premio Martín Códax na categoría de música tradicional. No mundo do teatro participou na obra ‘As Dunasʼ, do Centro Dramático Galego, e no musical ‘Dilleiʼ de Carlos Blanco.

SOBRE A MOSTRA DE CINEMA PORTUGUÉS VENDAVAL

Vendaval é un espazo de divulgación do cinema portugués na Ribeira Sacra que pretende ser un punto de encontro entre o cinema e a realidade dos dous lados da fronteira. Cun programa que destaca as coproducións luso-galegas e os vínculos artísticos e culturais entre ambos territorios, é tamén unha aposta polo cinema de autor no rural.

Unha das actividades do Vendaval (arquivo). Foto: Mostra de cinema portugués na Ribeira Sacra Vendaval.

A través dun programa estruturado en varios pases ao longo do ano outono, primavera e verán, Vendaval pretende chegar a un público diverso involucrando profesionais do audiovisual, das artes e do coñecemento, centros educativos e tecido asociativo. É unha mostra que articula o cinema con concertos, conversas, obradoiros, actividades gastronómicas e de contacto coa natureza, programados en diferentes contextos e en colaboración con outros espazos da contorna, mais con base en A Casa da Memoria de Xullán, no Concello de Bóveda.

O evento conta co apoio económico do Ministerio de Cultura e da Xunta de Galicia a través do Agadic mediante o programa ‘Territorio Cultura’. A programación ao detalle por días e actividades pódese consultar na súa páxina web.

Espazo preparado para un pase cinematográfico no Vendaval de agosto 2025. Foto: Vendaval.

ÚLTIMAS

A Ribeira Sacra potencia a súa candidatura co 27º encontro internacional do Convenio da Paisaxe

Os participantes poñerán en común as iniciativas que están a levar a cabo nos...

Queres que a túa idea se faga realidade? Recta final para participar no Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra

O Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra segue buscando iniciativas de emprendemento e...

O Courel pedalea por Palestina

A cita do 17 de maio está promovida por We Rise como parte da...

Premio ao mellor deseño para o IES Daviña Rey na ‘Liga Make Drone 2025-26’

O IES Daviña Rey vén de participar na "Liga Maker Drone", un encontro competitivo...