HomeCulturaAxenda para a fin de semana das Letras Galegas no sur de...

Axenda para a fin de semana das Letras Galegas no sur de Lugo

Lectura colectiva dunha obra de Begoña Caamaño, gala de voces corais, espectáculo de humor con perspectiva feminista, proxección cinematográfica sobre Castelao, música tradicional e narración oral, son algunhas interesantes propostas que podemos atopar nos concellos de Chantada, Taboada, Monforte e Quiroga.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Este sábado, 16 de maio, a asociación chantadina Polamiúda celebra na Praza do Cantón unha particular homenaxe a Begoña Caamaño, escritora á que se dedican as Letras galegas 2026. Farán unha lectura pública e compartida de Circe ou o pracer do azul, libro piar do feminismo galego e obra referencial da autora homenaxeada este ano.

A lectura comezará ás 11.00 e durará todo o día, polo que dende a asociación feminista convidan á veciñanza da comarca a animarse a participar e a achegarse a escoitar esa fermosa obra.

Tamén o 16 de maio, ás 20:00 h, a Casa da Cultura de Quiroga acolle unha gala de Corais na que participan o Grupo Vocal Entrelas, formado exclusivamente por voces femininas; Coral Cantar Delas, o único coro de voces brancas da provincia de Lugo; e a Coral Polifónica de Quiroga, fundada en 1991 e que conta actualmente con 30 membros dirixidos por Fernando Sanmartino Pérez.

Para este mesmo sábado 16, o Concello de Taboada acollerá un espectáculo de humor titulado “Risas con perspectiva feminista” que correrá a cargo da compañía Sobria e Serena, formada polas humoristas Jazmín Abuín e Arantxa Treus. Será no Cuartel Vello ás 19:00 h e con entrada de balde. Esta cita, que forma parte da programación feminista da Deputación de Lugo, busca poñer o feminismo ao alcance de todas e todos cun humor comprometido. As humoristas Arantxa Treus e Jazmín Abuín contan cunha ampla traxectoria nos escenarios galegos, combinando monólogos, teatro e televisión cun estilo fresco, próximo e cheo de retranca. Ambas destacan pola súa capacidade para conectar co público a través dun humor actual e reivindicativo, converténdose en dúas das voces femininas máis recoñecidas da comedia en Galicia e moi seguidas en redes sociais.

Rematando axenda do sábado, o Concello da Pobra do Brollón acollerá ás 20:00 h. na Casa da Cultura ‘Olga Novo’ o espectáculo de narración oral de Vero Rilo xunto co músico Luis Iglesias. Trátase de “As Mil e Unha”, unha proposta escénica para público familiar que trata o universo literario da autora homenaxeada nas Letras Galegas 2026, Begoña Caamaño. 

Ilustración de Begoña Caamaño / Xosé Manuel Fdez.
DÍA 17 DE MAIO

O Concello de Monforte acollerá este domingo 17 de maio desde as 12.00 horas o Festival Letras Galegas 2026, coas actuacións da Asociación Cultural Amigos da Pandeireta de Monforte e a Coral Polifónica do Concello de Monforte.

Na mesma data o Concello de Taboada ten programada a proxección do premiado filme “Antes de Nós”, dirixido por Ángeles Huerta e que recrea a relación entre Castelao e a súa dona, Virxinia Pereira. Será no Cuartel Vello ás 20:30 h.

ÚLTIMAS

Premio ao Mellor Documental para o Colexio Escolapios de Monforte nun Festival Escolar Internacional

O Real Colexio Escolapios de Monforte vén de recibir o premio ao mellor documental...

Xa se coñecen os gañadores do XII Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra

O Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra celebrou este sábado a súa xornada...

A cafetería do Complexo Deportivo da Pinguela será de libre acceso tamén para o público xeral

A cafetería do Complexo Deportivo da Pinguela comezou xa a prestar servizo ás persoas...

A Deputación arranxará a LU-P-4707 que comunica Veneira con Roques na Pobra do Brollón

O representante do PSdeG, Adolfo Rubio, valora que a Deputación se reunise directamente coa...