HomeCulturaMúsica e literatura na celebración das Letras Galegas en Ribas de Sil

Música e literatura na celebración das Letras Galegas en Ribas de Sil

O acto central da tarde foi a presentación oficial do libro de contos XXIII contos e O último gaiteiro, de Manuel Cao Rodríguez. Remataría a xornada coa música do grupo monfortino Foles da Lúa que percorreu as rúas de San Clodio despois de interpretar o Himno Galego na casa da cultura.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O concelleiro de Educación e Cultura, Luis Fernández, foi o encargado de presentar o acto, lembrando a importancia dunha celebración instaurada pola Real Academia Galega no ano 1963 para homenaxear a aquelas persoas que contribuiron á defensa e dignificación da lingua e da literatura galegas.

Posteriormente a docente e escritora quiroguesa, Celia Díaz Núñez, realizou un percorrido pola historia da conmemoración das Letras Galegas, desde a figura fundacional de Rosalía de Castro ata chegar á homenaxeada deste ano, a escritora e xornalista Begoña Caamaño. Da autora destacou a súa defensa do feminismo e da visibilidade das mulleres na literatura galega, así como o valor das súas novelas Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, obras nas que revisa desde unha óptica contemporánea e feminista figuras míticas da tradición clásica e artúrica. Tamén lembrou a súa importante traxectoria como xornalista cultural e voz comprometida coa lingua galega. Celia Díaz Núñez rematou convidando ás persoas asistentes, que enchían o salón de actos, a falar en galego e a ler literatura galega como mellor forma de defender o noso idioma e a nosa cultura.

Manuel Cao

Letras Galegas 2026 / Concello de Ribas de Sil

O acto central da tarde foi a presentación oficial do libro de contos XXIII contos e O último gaiteiro, de Manuel Cao Rodríguez. Nado en San Clodio, no barrio de Outeiro, en 1947, exerceu como mestre en San Clodio desde 1979 ata a súa xubilación, sendo director do CEIP durante dez anos.

O autor explicou durante a sesión como constrúe os seus relatos a partir da mestura entre realidade e creación literaria. No libro aborda temas de carácter sociolóxico, antropolóxico e mesmo máxico, tendo sempre San Clodio e a súa contorna como principal fonte de inspiración. Tamén lembrou que o seu achegamento á escritura comezou nos últimos anos, sendo a pandemia da COVID-19 un catalizador importante para desenvolver diferentes traballos de memoria local, entre eles Historia do concello de Ribas de Sil.

A celebración rematou coa interpretación do Himno de Galicia por parte do grupo monfortino Foles da Lúa. A petición do público asistente, a agrupación continuou tocando para posteriormente amenizar a festa das Letras na Residencia da Terceira Idade e máis tarde percorrer as rúas de San Clodio, poñendo o peche festivo a unha xornada de reivindicación da lingua e da cultura galegas.

Letras Galegas 2026 / Concello de Ribas de Sil

ÚLTIMAS

O enólogo Roberto Regal contribúe ao nacemento da primeira adega comunitaria de carácter público de Asturias

Roberto Regal e o seu equipo, liderado pola enxeñeira Carmen Fernández Ledo, traspasaron fronteiras...

Espertamonforte e BNG denuncian os riscos da ‘Senda Verde Monfortina’

O proxecto de restauración ambiental e creación de sendas peonís nas marxes dos regatos...

Antom Garcia presenta na Pobra do Brollón un ensaio sobre a pegada da emigración galega en Lisboa

A través de fontes históricas e literarias, o ensaio de Antom Garcia Rodrigues indaga...

Triacastela recibe a Antonio Barros e iAlma co espectáculo “O Camiño de Vieiras Amarelas”

Triacastela será este sábado unha nova etapa de "O Camiño de Vieiras Amarelas", o...