A celebración toma o nome das antigas ‘floralias’, as festas romanas dedicadas á exaltación da primavera, e desenvolverase entre as 10,30 horas e as 14,30 horas. As actividades contarán coa participación de integrantes da asociación de recreación histórica Caetra Lucensium, coñecida tamén pola súa implicación na festa do Arde Lucus.
Ao longo da xornada poderanse ver exposicións permanentes sobre os xogos romanos, o material cirúrxico da época, a ceca -onde se fabricaban e acuñaban as moedas- e a panoplia romana, co armamento e equipamento dos soldados da antiga Roma. Os máis pequenos poderán participar ademais en obradoiros de fabricación de moedas e colgantes, xogos de mesa e mesmo nunha ‘escola de lexionarios’.
A programación inclúe tamén visitas guiadas ao xacemento arqueolóxico, dirixidas pola empresa Tempos Arqueolóxicos, responsable das últimas campañas de escavación. Estas intervencións, impulsadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, permitiron documentar e consolidar a superficie completa da planta dun hórreo romano, unha estrutura singular no noroeste peninsular pola disposición dos seus muros paralelos, así como identificar outras estruturas de carácter residencial e agrario na contorna do xacemento, o que reforza a relevancia de Proendos como enclave fundamental para entender a presenza romana en Galicia.
O delegado territorial en Lugo, Javier Arias, e o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, presentaron o programa do evento. Arias fixo un chamamento á participación neste festexo, “que converte o xacemento de Proendos nun espazo vivo de divulgación, no que a historia e as actividades lúdicas e participativas se combinan para achegar ao público como era a vida na antiga Roma e a importancia deste enclave na Ribeira Sacra”. O Concello de Sober traballa xa coa intención de dar continuidade á ‘Floralia de Proendos’ en futuras edicións, ampliando a programación tamén ao horario de tarde con novas propostas

