O PP de Monforte defenderá no pleno deste mes unha iniciativa para esixir ao equipo de goberno local “un compromiso real e efectivo” coa cultura tradicional galega. Segundo os populares coa xestión do actual equipo de goberno, “produciuse un cambio preocupante na realidade cultural da cidade. Diminuíu o número de persoas nas clases de música tradicional, e o concello ten que contratar colectivos de fóra para as celebracións locais por non contar con xente suficiente no municipio”.
Katy Varela denuncia as queixas de Tomé sobre o custo do conservatorio, “Resulta contraditorio que o alcalde lamente o investimento no conservatorio mentres anuncia un millón de euros para asfaltar rúas que non o precisan. Unha mostra máis da falta de sensibilidade cultural do goberno local”.
Para reverter esta situación, os concelleiros do Grupo Municipal Popular defenderán unha moción na que se insta ao equipo de goberno a elaborar un plan integral para incentivar a danza e a música tradicional, con medidas como: axudas directas para a adquisición de instrumentos e vestiario tradicional, fomento das clases e actividades de formación ou campañas de publicidade para impulsar a matriculación e a práctica destas disciplinas entre a mocidade. Con esta iniciativa, dende o PP “queremos que Monforte volva a ser un referente na conservación e difusión das nosas raíces, garantindo o relevo xeracional nas agrupacións folclóricas da cidade”.

