HomeDeportesCastro Caldelas acolle a VIII Spain Backyard Ultra

Castro Caldelas acolle a VIII Spain Backyard Ultra

A cita galega, pioneira na Península Ibérica, mantense como un dos 14 eventos fundacionais en activo dunha modalidade que xa suma 638 carreiras en todo o mundo.

Publicado o

- Advertisement -

Esta fin de semana, o tempo deterase en Castro de Caldelas para enxalzar o valor da resistencia extrema dende as 10:00 h do sábado 23 de maio. A localidade ourensá acolle a oitava edición da Spain Backyard Ultra, a primeira carreira desta modalidade celebrada na Península Ibérica. Un formato onde non gaña o máis rápido, senón o último en renderse.

ORIXES DA PROBA

A orixe desta competición remóntase á obsesión do estadounidense Gary Cantrell, máis coñecido como Lazarus Lake e moi metido no mundo do ultra-trail. ​Foi en 2012 cando este corredor levou a cabo a primeira edición do que bautizou como backyard ultra (a ultra do patio traseiro), por organizarse literalmente detrás da súa casa. O que empezou como un experimento doméstico é hoxe un fenómeno global. A principios de 2019 só existían sete carreiras deste tipo no planeta, principalmente nos Estados Unidos. Ese ano houbo unha pequena eclosión que elevou a cifra a unha trintena, estendéndose por Europa.

Cronoloxicamente, a cita de Castro de Caldelas foi a número 28 do mundo, inaugurando a súa historia en outubro do 2019. ​Nos seus inicios, bautizouse estratexicamente como “Spain” para garantir a súa visibilidade internacional. Por entón, ninguén imaxinaba que en 2026 habería 638 eventos en todo o planeta, nin que España se consolidaría como unha das grandes potencias mundiais da modalidade, contando actualmente con 39 carreiras.

​A Spain Backyard Ultra está considerada unha das máis esixentes do mundo debido aos 240 metros de desnivel positivo que os corredores deben afrontar en cada volta (de 6,7 quilómetros). Malia a dureza, a marca da proba sitúase nunhas impresionantes 38 horas, sumando un total de 255 quilómetros nas pernas do gañador. ​Con todo, o gran orgullo de Caldelas vai máis alá dos números: reside nun percorrido espectacular en pleno corazón da Ribeira Sacra, co impoñente Castelo do Castro como saída e meta de cada bucle horario.

​Esta fin de semana “en Castro de Caldelas non haberá cronómetros de velocidade, só resistencia en estado puro para descubrir quen é o último ou a última atleta en quedar en pé”, sentencian dende a organización.

ÚLTIMAS

Graduación do alumnado de 2º de BAC do IES A Pinguela

A exalumna de Humanidades Sandra Piñeiro Pedreira, premio extraordinario de Licenciatura en Historia e...

Este 22 de maio preséntase na casa da cultura de Quiroga o libro “A aira dos ventos”

“A Aira dos Ventos” vén sendo unha peza teatral de 70 pp. Editada por...

Pedaleando por Palestina de Seoane do Courel a Ferreirós de Abaixo

A xornada comezou ás doce e media da mañá en Seoane do Courel, onde...

Condenadas a dous anos de cárcere a exconcelleira de Láncara Begoña López e o seu pai por estafa e falsidade

A Audiencia Provincial de Lugo condenou á exconcelleira socialista de Láncara Begoña López e...