No marco do proxecto ‘RadioVisual do Patrimonio’, no que a escola sae ao encontro da memoria viva, o equipo de traballo chegou o día 22 de maio ao Xeoparque das Montañas do Courel, concretamente á aldea da Seara, no Concello de Quiroga.
Xa alí, escolleron o Centro de Interpretación da Música de Raíz, que impulsa a Fundación LEGAR, como espazo de traballo para dar conta do patrimonio instrumental que se pode atopar alí e realizar a gravación dun programa radiofónico que contou coa colaboración de alunado do CEIP de Quiroga. “A sabedoría de Xavier Blanco, froito de máis de catro décadas de investigación, guiounos polas salas deste auténtico fogar da memoria, artellando unha magnífica lección maxistral, coa que abriu o RadioVisual do Patrimonio que pecha esta xeira de primavera con Ponte… nas Ondas!“, comentaron dende a asociación cultural e pedagóxica Ponte nas Ondas.
O propio Xavier Blanco, mestre gaiteiro, artesán e técnico en cultura tradicional, explicoulle durante o RadioVisual a nenos e nenas algúns dos secretos que agocha este espazo museístico, onde alén das pezas orixinais podemos ver tamén moitas elaboradas polo propio Blanco. A amplitude do proxecto mesmo impide que toda a colección poida estar simultaneamente a disposición do público, cunha selección de máis de medio milleiro de pezas expostas que vai mudado ao longo dos meses, permitindo amosar aos visitantes este tesouro patrimonial.

Tamén falou para os micrófonos do RadioVisual unha veciña, Maribel, quen achegou estampas da memoria doutros tempos onde nin a luz eléctrica chegaba aínda ao lugar; e José Luís Rivera, alcalde de Quiroga, quen lle agradeceu a Xavier Blanco a escolla do municipio para o proxecto da Fundación Legar ademais de lembrar os retos e desafíos dun concello que, con 317 quilómetros cadrados é un dos de maior extensión de Galicia.
Quiroga púxolle así o ramo ao percorrido que nesta primavera levou o RadioVisual de Ponte… nas ondas! a seis concellos galegos. O evento desenvolveuse no propio Centro de Interpretación, co xornalista Xosé Manuel Diego Ferreira como mestre de cerimonias e o protagonismo do alumnado da escola local, o CEIP de Quiroga, que preparou diversos contidos relacionados co patrimonio. A emisión puido seguirse en directo na rede a través da web www.oradiovisual.com e das webs da asociación Ponte… nas Ondas! (www.pontenasondas.org e www.escolasnasondas.com), onde está xa dispoñible a gravación do evento logo da súa finalización.

SOBRE ‘O RADIOVISUAL DO PATRIMONIO’ E O SEU PROXECTO
O RadioVisual do Patrimonio é un proxecto de dinamización cultural, educativa e social ao longo das rutas xacobeas, baseada na realización de eventos participativos en directo que combinan música, palabra e creación audiovisual. A iniciativa conecta territorio, mocidade e comunidade, xerando contido e experiencia arredor dun dos principais símbolos culturais de Galicia.
Casa de Tolos, impulsora do proxecto, é unha compañía do sector audiovisual especializada en produción musical con grande experiencia profesional no campo musical, con máis de 1000 traballos musicais gravados e mesturados nos seus estudos en Gondomar (Pontevedra) por onde pasaron músicos e produtores de recoñecido prestixio nacional e internacional. Conta tamén con ampla experiencia na realización de numerosos contidos para distintas televisións e canles de video on demmand en plataformas de TV cabo e online.
A iniciativa conta co apoio da Axencia Galega de Industrias Culturais, a través da súa liña ‘Territorio Cultura’, destinada á ampliación e diversificación de oferta cultural en áreas non urbanas.
O CENTRO DE INTERPRETACIÓN DA MÚSICA DE RAÍZ
Está localizado na aldea da Seara é, xa desde a súa apertura a finais de 2024, unha auténtica referencia na preservación e divulgación da música tradicional galega, dos seus instrumentos e de todo o coñecemento e patrimonio inmaterial asociado a este eido. Promovido polo artista e artesán Xavier Blanco e súa muller Martina Ferradás, o Centro pode visitarse na Seara, unha das aldeas máis representativas da Serra do Courel. Situada nunha contorna de extraordinaria beleza natural, en pleno corazón do Xeoparque Mundial das Montañas do Courel, A Seara representa en si mesma un conxunto de interese etnográfico de valor referencial.
A Fundación Legar acubilla aquí un auténtico museo, conservando máis de 1.200 instrumentos de música de raíz galega, así como arquivos sonoros, documentación e material audiovisual diverso. Trátase dunha das coleccións máis singulares do país, froito de máis de 40 anos de investigación de Xavier Blanco, na arela de poñer en valor a música como parte do identidade e memoria colectiva, e á vez ofreceren unha experiencia para escoitar, tocar e sentir os sons que acompañaron a vida das comunidades galegas ao longo do tempo.

SOBRE ‘PONTE… NAS ONDAS!’
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, leva máis de trinta anos traballando na divulgación do Patrimonio inmaterial galego-portugués. Coordinados por docentes galegos e portugueses, milleiros de alumnas e alumnos de escolas de Galicia e Portugal teñen participado nos certames de Recolla do Patrimonio Inmaterial, Xornadas Multimedia ou Días Mundiais da Radio, entre outros eventos e actividades organizados pola Asociación.
En decembro de 2022 Ponte…nas ondas! foi recoñecida pola UNESCO como modelo de boas prácticas co PCI (Patrimonio Cultural Inmaterial) sendo incluída no Rexistro das Boas Prácticas da UNESCO. A candidatura foi presentada por parte de Portugal e España e é a primeira inscrición para Portugal e Galicia.

