HomeCulturaO RadioVisual do Patrimonio emitiu desde A Seara coa Fundación Legar e...

O RadioVisual do Patrimonio emitiu desde A Seara coa Fundación Legar e alumnado do CEIP de Quiroga

O RadioVisual do Patrimonio é un proxecto de dinamización cultural de Casa de Tolos e a Asociación Ponte... nas Ondas!, realizado ao abeiro da liña Territorio Cultura da Axencia Galega de Industrias Culturais da Xunta de Galicia. Logo das visitas a Cea, Muros, Ribeira de Piquín e Castro de Rei, esta na Seara en Quiroga foi a última parada do proxecto nesta tempada.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Centro de Interpretación da Música de Raíz localizado na aldea da Seara é, xa desde a súa apertura a finais de 2024, unha auténtica referencia na preservación e divulgación da música tradicional galega, dos seus instrumentos e de todo o coñecemento e patrimonio inmaterial asociado a este eido. Promovido polo artista e artesán, Xavier Blanco, e súa muller Martina Ferradás, o Centro pode visitarse na Seara, unha contorna de extraordinaria beleza natural, en pleno corazón do Xeoparque Mundial das Montañas do Courel.

A Fundación Legar acubilla aquí un auténtico museo, conservando máis de 1.200 instrumentos de música de raíz galega, así como arquivos sonoros, documentación e material audiovisual diverso. Trátase dunha das coleccións máis singulares do país, froito de máis de 40 anos de investigación de Xavier Blanco, na arela de poñer en valor a música como parte do identidade e memoria colectiva, e á vez ofreceren unha experiencia para escoitar, tocar e sentir os sons que acompañaron a vida das comunidades galegas ao longo do tempo.

O propio Xavier Blanco, mestre gaiteiro, artesán e técnico en cultura tradicional, explicoulle durante o RadioVisual a nenos e nenas algúns dos secretos que agocha este espazo museístico, onde alén das pezas orixinais podemos ver tamén moitas elaboradas polo propio Blanco. A amplitude do proxecto mesmo impide que toda a colección poida estar simultaneamente a disposición do público, cunha selección de máis de medio milleiro de pezas expostas que vai mudado ao longo dos meses, permitindo amosar aos visitantes este tesouro patrimonial.

Para os micrófonos do RadioVisual falou tamén Maribel, veciña que nos trouxo estampas da memoria doutros tempos onde nin a luz eléctrica chegaba aínda ao lugar; José Luís Rivera, alcalde de Quiroga, quen lle agradeceu a Xavier Blanco a escolla do municipio para o proxecto da Fundación Legar e falou de retos e desafíos dun concello que, con 317 km cadrados é un dos de maior extensión de Galicia.

RadioVisual do Patrimonio / Escolas nas ondas

O programa contou co xornalista Xosé Manuel Diego Ferreira como mestre de cerimonias e o protagonismo do alumnado do CEIP de Quiroga, que preparou diversos contidos relacionados co patrimonio. A emisión puido seguirse en directo e pódese consultar en www.pontenasondas.org e www.escolasnasondas.com.

O RadioVisual do Patrimonio é un proxecto de dinamización cultural, educativa e social ao longo das rutas xacobeas, baseada na realización de eventos participativos en directo que combinan música, palabra e creación audiovisual. A iniciativa conecta territorio, mocidade e comunidade, xerando contido e experiencia arredor dun dos principais símbolos culturais de Galicia. Casa de Tolos é unha compañía do sector audiovisual especializada en produción musical. A iniciativa conta co apoio da Axencia Galega de Industrias Culturais, a través da súa liña ‘Territorio Cultura’, destinada á ampliación e diversificación de oferta cultural en áreas non urbanas. 

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, leva máis de trinta anos traballando na divulgación do Patrimonio inmaterial galego-portugués. Coordinados por docentes galegos e portugueses, milleiros de alumnas e alumnos de escolas de Galicia e Portugal teñen participado nos certames de Recolla do Patrimonio Inmaterial, Xornadas Multimedia ou Días Mundiais da Radio, entre outros eventos e actividades organizados pola Asociación. En decembro de 2022 Ponte…nas ondas! foi recoñecida pola UNESCO como modelo de boas prácticas co PCI (Patrimonio Cultural Inmaterial) sendo incluída no Rexistro das Boas Prácticas da UNESCO.

ÚLTIMAS

O IES Lama das Quendas de Chantada estrea novo auditorio

Acompañaron ao conselleiro a xefa territorial de Educación da Xunta en Lugo, Sagrario Sánchez,...

A conselleira do Medio Rural falou no Círculo Saviñao sobre o futuro do agro galego

A conselleira detallou que en primeiro lugar está conseguir que o rural siga sendo...

Centeais, na parroquia de Montefurado, ‘revive’ coa celebración da súa festa

Moitas aldeas do sur de Lugo, por desgraza, están en perigo de extinción por...

Hospitalizada unha menor tras caer nunha piscina de Monforte

Unha menor foi levada ao hospital este domingo tras ser sacada da auga nunha...