HomesociedadeO C.C. Ponte Vella celebra o acto central do seu XXV Aniversario

O C.C. Ponte Vella celebra o acto central do seu XXV Aniversario

Celebrouse o venres 29 de maio e serviu, principalmente, para render homenaxe e agradecemento aos fundadores e promotores deste Centro Comercial da cidade de Ourense. Esta área comercial inaugurouse o 4 de outubro de 2001.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

No acto de homenaxe e agradecemento do pasado día 29, os impulsores do Centro Comercial (membros do Pleno da Cámara que aprobou iniciar as xestións) e promotores (empresarios e comerciantes locais que se converteron nos primeiros investidores da sociedade promotora Unión Comercial Ourensá S.A.) recibiron un pin conmemorativo en recordo desa iniciativa en favor do comercio minorista local.

Ponte Vella tamén quixo homenaxear especialmente a Jorge Bermello pola súa permanente defensa do comercio local e o seu papel de impulsor da iniciativa de crear un complexo comercial en 1994 desde a presidencia da Cámara de Comercio e Industria de Ourense e quen desde 2009 ostenta a presidencia do Centro Comercial. Nesa merecida homenaxe procedeuse á inauguración e apertura ao público dunha praza interior do complexo que levará o nome “Praza Jorge Bermello”, como consta xa na placa conmemorativa descuberta polos directivos do Centro Comercial.

No curso das intervencións, realizáronse numerosas referencias e recoñecementos á actividade institucional de Jorge Bermello durante as súas etapas como presidente da Cámara de Comercio e Industria de Ourense con outras iniciativas que favoreceron o desenvolvemento da provincia. Así, lembrouse a súa intervención a principios dos 90 para que a cidade non fose excluída do plan de instalación de pavillóns de feiras e exposicións en Galicia, o que permitiu a construción e posta en marcha de Expourense. Seguindo a liña de agradecementos lembrouse tamén a “audacia e liderado de Bermello” na súa histórica misión comercial a Rusia en 1992, en plena perestroika, na que participaron máis de medio centenar de empresarios ourensáns en busca de oportunidades comerciais nun país comprometido entón co aperturismo económico.

IDEA E POSTA EN MARCHA DO C.C. PONTE VELLA

O Centro Comercial Ponte Vella xestouse desde a Cámara de Comercio e Industria de Ourense presidida entón por Jorge Bermello Fernández. Apoiado pola unanimidade do Pleno da institución, o veterano comerciante iniciou en xaneiro de 1994 un calendario de sucesivas reunións con empresarios e comerciantes. Así as cousas, conseguiu convencelos de que era posible facer fronte á ameaza da implantación de grandes superficies a través da construción dun centro comercial promovido por comerciantes locais e que, ademais, poderíase situar no centro urbano.

A audaz idea empresarial quedou plasmada nun proxecto que se presentaría en 1997 e, tras dous anos de trámite, seria aprobado en 1999, dando luz verde ao comezo das obras. A inauguración oficial escenificouse o 4 de outubro de 2001 nunha xornada convertida na gran festa do comercio minorista ourensán amenizada polo son da Real Banda de Gaitas da Deputación e con lumes pirotécnicos nocturnos como colofón dun gran paso na modernización da estrutura comercial da cidade O Centro foi inaugurado polo entón conselleiro de Industria e Comercio, Juan Rodríguez Yuste, quen o cualificou como “símbolo do progreso do pequeno comercio”.

REFERENCIA COMERCIAL PARA OURENSE CAPITAL MAIS TAMÉN PARA A CONTORNA, SUR DE LUGO E NORTE DE PORTUGAL

Co paso dos anos, este complexo comercial converteuse no punto de encontro habitual para os ourensáns e en foco de atracción para os residentes na súa área de influencia, principalmente do sur de Lugo e do norte de Portugal. O potencial de atracción do Centro vira ao redor de dous dos seus principais locomotoras, con raíces netamente galegas: Gadis e os establecementos do Grupo INDITEX. Outra das vantaxes que contribúen ao poder de atracción do Centro é a comodidade no acceso de vehículos. Ten dous andares de aparcadoiro con accesos desde a N-120 e desde a rúa Sáenz Díez con capacidade para acoller 680 vehículos. Desde hai algúns anos ofrecen a opción de aparcamento de balde todas as noites, desde as 23.00 horas ata as 12.00 do día seguinte.

ÚLTIMAS

Roberto Castro: “A xente vén pola cereixa e quédase e repite porque lles gusta tamén a zona da praia fluvial”

A festa terá lugar na praia fluvial de San Clodio e contará coa participación...

Os premios literarios Xosé de Arxeriz entregaranse o 12 de xuño

O I Certame Literario Xosé de Arxeriz, dirixido ao alumnado do último ciclo de...

Chantada divulga os seus recursos turísticos en Festur ata o 7 de xuño

Ata o 7 de xuño, Silleda é unha vez máis o punto de encontro...

20 alumnos fórmanse no obradoiro de emprego Os Soutos II que comparten Láncara, Paradela e Samos

A Xunta destina 454.500 euros a financiar o obradoiro dual de emprego Os Soutos...