Este proxecto é froito do convenio asinado polo alcalde, José Tomé, co presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, en novembro de 2024, para a construción dunha senda peonil circular urbana que percorrerá as marxes dos regatos das Malloadas, Penela e Zapardiel, cunha lonxitude superior ós 4 quilómetros, desde o edificio de Correos ata o Fogar de San José, no inicio do Paseo do Malecón.
José Tomé destacou que “estamos diante dun proxecto que suporá un antes e un despois na configuración urbana, ambiental e social da nosa cidade, unha actuación transformadora que permitirá crear un auténtico cinto verde arredor de Monforte”.
O investimento total previsto ascende a 6.125.000 euros, cantidade que inclúe as expropiacións necesarias, a redacción do proxecto e o custe das obras. O financiamento será asumido nun 80% pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil e nun 20% polo Concello de Monforte. Neste sentido, o rexedor monfortino explicou que “a Confederación Hidrográfica aportará 5.280.000 euros, mentres que o Concello contribuirá con 845.000 euros, o que evidencia a importancia desta actuación e a aposta decidida das dúas administracións por facer realidade este proxecto”. A redacción do proxecto forma parte deste investimento e que a súa aprobación plenaria constitúe un trámite previo imprescindible para que a Confederación Hidrográfica poida proceder á súa licitación e posterior execución das obras.
Un corredor verde que conectará toda a cidade
José Tomé salientou que esta actuación permitirá recuperar espazos que durante décadas permaneceron esquecidos, incorporándoos plenamente á trama urbana. “Imos poñer en valor tres cursos fluviais que forman parte do noso patrimonio natural e que pasarán a converterse en espazos accesibles, coidados e pensados para o desfrute da cidadanía”, destacou.O percorrido comezará na zona de Correos, continuará ata o Fogar San José e enlazará co Malecón, formando un circuíto continuo que tamén conectará co Parque dos Condes. O proxecto ten tamén unha importante vertente ambiental e permitirá solucionar un problema histórico relacionado coa entrada de augas limpas procedentes da chuvia e do regadío na rede de saneamento, especialmente na contorna do regato das Malloadas.
Na actualidade, a rede de alcantarillado discorre polo propio cauce do regato, provocando filtracións que ocasionan sobrecargas nos colectores e dificultan o correcto funcionamento da estación depuradora de Piñeira. “Con esta actuación melloraremos a eficiencia de todo o sistema de saneamento e avanzaremos cara a unha xestión máis sostible da auga”, sinalou o Alcalde.
A actuación contempla tamén a restauración ambiental dos regatos das Malloadas, Penela e Zapardiel, mediante a recuperación da vexetación de ribeira e a mellora do seu estado ecolóxico. “Queremos poñer a natureza no centro de Monforte, achegándoa á cidadanía e converténdoa nun elemento de cohesión urbana, benestar e calidade de vida”, destacou o rexedor.
O corredor verde actuará ademais como un importante elemento vertebrador da cidade, conectando zonas de maoir densidade de poboación con espazos de gran valor patrimonial e cultural como a Compañía, os Escolapios, o Malecón ou o Casco Histórico. Así mesmo, enlazará parques tan significativos como o dos Condes, o da Florida, o de Zapardiel e o Malecón. A senda discorrerá maioritariamente por unha das marxes dos regatos, agás no tramo comprendido entre o edificio de Correos e a rúa Sarria, onde se habilitarán paseos en ambas beiras debido ao carácter máis urbano desta zona. No caso do regato das Malloadas, pola marxe esquerda executarase un paseo con pavimento de aripack, semellante ó existente entre o estacionamento do Parque dos Condes e Piñeira, mentres que pola marxe dereita se habilitará un paseo de terra máis integrado no entorno.
Unha vez aprobado o proxecto polo Pleno municipal e remitida a documentación correspondente á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, será este organismo o encargado de licitar de inmediato as obras, coa previsión de que os traballos poidan comezar entre os meses de marzo e abril do próximo ano.
“Vender fume para tapar a falta de xestión”
A voceira do PP Katy Varela asegura que “estamos ante unha nova mostra da estratexia de distracción de José Tomé, unicamente preocupado de fotos e titulares nos medios para ocultar a súa falta de dilixencia e de traballo. Temos a sensación de que o alcalde volve vender fume e realmente o único que consegue é evidenciar os retrasos nos seus propios compromisos; o que pretende é facer que fai para realmente facer nada”.
Os populares aseguran que entre tanto non se atenden as necesidades estruturais do municipio. “Coa obra da fonte ben que se dá présa, tememos que a senda peonil non deixe de ser máis fume. Estes pasos administrativos van con moito atraso e o alcalde só os aproveita para intentar facer crer á opinión pública que está traballando”, conclúen.

