HomesociedadeRibeira Sacra segue na candidatura a Patrimonio Mundial a pesar do informe...

Ribeira Sacra segue na candidatura a Patrimonio Mundial a pesar do informe presentado polo ICOMOS

Este martes o Hotel Áurea Palacio de Sober acolleu un encontro no que desde a Xunta se presentaron os últimos pasos a seguir con vistas á reunión do 48º Comité do Patrimonio Mundial da UNESCO, que se celebrará a finais de xullo en Corea do Sur.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Na xuntanza do conselleiro cos alcaldes da Ribeira Sacra participaron tamén representantes doutras institucións como a Deputación Provincial de Lugo ou a Subdelegación do Goberno en Lugo. Acompañado polo director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, o representante do Goberno galego analizou polo miúdo cos rexedores o informe da candidatura do Consello Internacional de Monumentos e Sitios-Icomos e da Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Un informe negativo, do que o conselleiro destacou que recolle “múltiples argumentos favorables, que convidan a Xunta e Goberno Central a manter viva a candidatura”.

José López Campos trasladoulles aos rexedores o “pleno compromiso” da Xunta de Galicia e o Goberno central na “inquebrantable defensa” da candidatura a Patrimonio Mundial, que terá lugar a finais do vindeiro mes en Corea do Sur. Destacou que nesta análise valórase o estado de conservación e a protección xurídica da paisaxe cultural deste territorio, que abrangue 26 concellos das provincias de Lugo e Ourense. Así mesmo, incidiu en que Icomos salienta as iniciativas de turismo sostible e as calidades paisaxísticas e a longa historia de interacción entre persoas, auga e paisaxe. Nesta liña, apuntoulles que gaba a importancia de elementos como os socalcos, as cavaduras, os muíños, o patrimonio monástico ou as tradicións inmateriais.

Esta avaliación tamén fai un recoñecemento á gobernanza colaborativa e a coordinación institucional, ao tempo que enxalza o esforzo realizado en todo o procedemento entre a Xunta, o Estado e os actores e entidades locais involucradas, entre as que se atopan os concellos presentes nesta xuntanza.

Con todo, o conselleiro insistiu en que a Xunta de Galicia e o Goberno central apostan por continuar traballando conxuntamente nas vindeiras semanas para “facer achegas e aclaracións precisas e defender o proxecto ata o final”. Neste senso, celebrou a implicación e colaboración do Ministerio de Cultura con este proxecto de país que supón “un reto difícil, pero no que confiamos na potencialidade deste territorio”. Pola súa banda a subdelegada do Goberno, Olimpia López expresou a súa confianza en que o recoñecemento como Patrimonio Mundial sexa un feito, “que reforzaría a visibilidade internacional deste territorio e o seu enorme valor patrimonial”.

Icomos é un organismo consultivo da Unesco, “polo tanto, informa e recomenda, pero non é vinculante”. A avaliación definitiva dependerá do que decidan os embaixadores dos 21 países que forman parte do Comité do Patrimonio Mundial, “e dos que se debe salientar que levaron unha moi boa impresión da presentación realizada polo Goberno galego en Madrid no pasado mes de abril”, lembraba López Campos.

ÚLTIMAS

A Deputación cederá a Casona do Incio e unha parcela na Maiorga, en Pantón, aos respectivos concellos

Ambas decisións responden ás peticións que os respectivos alcaldes lle fixeron á presidenta da...

O BNG de Monforte entrega as primeiras alegacións recollidas contra o proxecto da nova ponte do Malecón

O BNG de Monforte vén de presentar no concello unha primeira remesa das alegacións...

O enólogo Roberto Regal contribúe ao nacemento da primeira adega comunitaria de carácter público de Asturias

Roberto Regal e o seu equipo, liderado pola enxeñeira Carmen Fernández Ledo, traspasaron fronteiras...

Espertamonforte e BNG denuncian os riscos da ‘Senda Verde Monfortina’

O proxecto de restauración ambiental e creación de sendas peonís nas marxes dos regatos...