Por Chantada asegura ter preguntado reiteradamente nos plenos municipais polo estado deste proxecto sen recibir respostas claras. “A situación resulta aínda máis preocupante porque a propia Consellaría do Medio Rural anunciou a comezos de ano que a nave de Chantada constituía un dos principais investimentos previstos na provincia de Lugo. Con todo, diferentes informacións apuntan agora a que responsables da Administración estarían a procurar unha nave no Polígono dos Acivros para alugar e reformar, a dedo e sen licitar, renunciando así á construción das instalacións públicas inicialmente comprometidas” afirma Por Chantada.
A formación política esixe respostas á cidadanía por parte da Conselleria de Medio Rural e do propio alcalde ás seguintes preguntas:
- Por que non se executa a nave pública anunciada pola Xunta e polo Concello?
- Que aconteceu coa parcela municipal cedida para este fin e a que fin contan destinala?
- Quen decidiu modificar ou abandonar o proxecto inicial?
- Existe algún informe técnico ou económico que xustifique esta mudanza?
- Que custe terá para as arcas públicas a alternativa baseada en alugueiros?
- Vaise realizar algún procedemento público, transparente e concorrencial para seleccionar as instalacións?
- Que relación existe entre os responsábeis políticos implicados e as persoas propietarias das naves que se están considerando?
- Desde Por Chantada lembran que no Distrito Forestal VIII están adscritos arredor de cincuenta postos de traballo vinculados aos servizos forestais. A construción dunha infraestrutura pública moderna permitiría consolidar estes servizos e reforzar o papel de Chantada como cabeceira comarcal. “Se a Xunta consideraba esta nave unha prioridade e un investimento estratéxico para Lugo en 2026, resulta incomprensíbel que agora se estea a procurar unha solución distinta sen explicación pública e sen garantir que as decisións se adoptan exclusivamente en función do interese xeral e non de intereses particulares”, conclúen.

Polígono dos Acivros / Interior Galego Vivo

