Entre as actuacións previstas no convenio inclúese o acondicionamento da estrada de acceso a Figueiredo, na parroquia de Piñeira, cun investimento próximo aos 60.000 euros. Os traballos realizaranse nun treito de 1.130 metros e consistirán na limpeza de cunetas, a mellora da drenaxe e a rehabilitación do firme con aglomerado en quente.
O acordo contempla tamén a mellora da Rúa do Sil, no núcleo de San Clodio, onde con 21.260€ se levarán a cabo obras de reposición de beirarrúas e pasos elevados e a construción de dous badéns. Ademais, instalarase nova sinalización horizontal e vertical e sinais LED que marcarán as marxes do pavimento.
No ámbito da eficiencia enerxética, renovarase o alumeado público e a instalación de luminarias na aldea da Fraga e no paseo da praia fluvial de San Clodio. Cun investimento de case 18.000 euros, esta actuación contribuirá a reducir o consumo enerxético e mellorar a seguridade nestes espazos públicos.
No lugar de Barreiro, na parroquia de Nogueira, ampliarase a rede de saneamento para dar servizo a todas as vivendas existentes con 11.000€; mentres que en Vilardonas, na parroquia de Ribas de Sil, renovarase con 13.600€ un tramo da condución de auga que conta con máis de 50 anos de antigüidade e que non garante o caudal suficiente, especialmente nos meses de verán debido ao incremento da demanda.
O investimento tamén servirá para a adquisición de equipamento municipal por preto de 15.000€ para material cultural ou o destinado ao Servizo de Axuda no Fogar, incluíndo camas articuladas, guindastres e cadeiras adaptadas, co obxectivo de mellorar a atención ás persoas dependentes no seu domicilio. Preto de 17.400€ irán destinados á celebración de actividades culturais e deportivas no municipio, entre elas a Festa do Viño e a Festa da Xuventude, co fin de fomentar a dinamización social, cultural e económica de Ribas de Sil.

