O Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra impulsa este mes de xuño unha destacada programación de accións promocionais orientadas a reforzar a presenza e o posicionamento dos seus viños entre profesionais con capacidade de prescrición e comercialización, tanto no ámbito nacional como internacional. Unha delas foi o día 8 onde participou por primeira vez en Experiencia Verema Córdoba, un dos encontros itinerantes de referencia organizados por Verema para profesionais do sector vitivinícola.
Neste evento presentáronse dez referencias de seis adegas do territorio protexido sendo o perfil dos asistentes, na súa maioría, profesionais da canle HORECA (53 %), distribuidores (20 %), tendas gourmet especializadas (15 %) e representantes de asociacións e colectivos profesionais (12 %). Na xornada, que se desenvolveu no Hotel Eurostars Palace, puidéronse coñecer distintas elaboracións de Godello, Mencía e Tinto Ribeira Sacra, así como viños de garda e referencias con crianza en barrica, representativas da riqueza e evolución enolóxica da Ribeira Sacra.
VISITA DUNHA DELEGACIÓN DE CATADORES ITALIANOS
Este 16 de xuño, a D.O. Ribeira Sacra recibirá a visita dunha delegación da Organización Nacional Italiana de Catadores de Viño (ONAV), unha das entidades de referencia no ámbito da formación, análise e divulgación vitivinícola en Italia.
Durante a súa estancia celebrarase unha presentación e cata comentada dos viños deste territorio. Esta cata permitirá aos participantes coñecer as características diferenciadoras das elaboracións amparadas pola denominación, así como a diversidade de estilos e variedades presentes no territorio. A xornada completarase con visitas a adegas e viñedos da denominación, ofrecendo aos profesionais italianos a oportunidade de achegarse á realidade da viticultura heroica e coñecer de primeira man as particularidades dunha das paisaxes vitivinícolas máis singulares de Europa.
CICLO DE CATAS TÉCNICAS PARA PROFESIONAIS DA HOSTALERÍA E DA RESTAURACIÓN EN MADRID, EUSKADI E CANTABRIA
O día 18 de xuño, o Consello Regulador celebrará en La Caníbal (Madrid) a primeira das catas técnicas impartidas por Juan José Figueroa Treus, presidente da Asociación Galega de Sumilleres. A sesión comezará ás 18:00 horas e contará cunha asistencia prevista de arredor de 30 profesionais, entre os que figuran representantes dalgúns dos establecementos máis destacados do panorama gastronómico nacional, como DiverXO, Hotel Santo Mauro, Playing Solo e outros locais de referencia. Participarán 9 adegas e haberá 13 referencias (3 brancos e 10 tintos).
O programa continuará posteriormente en Bizkaia e en Cantabria, en datas por confirmar.
As distintas sesións reunirán arredor de 25 sumilleres e profesionais da canle HORECA e permitirán descubrir unha ampla representación dos viños amparados pola D.O. Ribeira Sacra.

