A campaña lévase a cabo desde o ano 2021 para reforzar a protección das mulleres que realizan a ruta xacobea e facilitarlles información e acceso aos recursos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Pedro Blanco subliñou que o Goberno está a reforzar a seguridade no Camiño de Santiago en todos os seus ámbitos a través deste tipo de iniciativas e do traballo permanente das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado ao longo das distintas rutas xacobeas. O delegado explicou que “buscamos acompañar ás mulleres peregrinas e ao conxunto das persoas que realizan o Camiñopara que poidan transitalo, soas ou acompañadas, desfrutando de todo o que ofrece a experiencia xacobea sen outro tipo de preocupacións.”
Pedro Blanco presentou a campaña acompañado pola subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López; a xefa da Unidade de Coordinación contra a Violencia sobre a Muller da Delegación do Goberno en Galicia, María Deben, a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Lugo, Rosa María Rivas, o presidente do Colexio de Farmacéuticos de Lugo, Manuel Barreira e o concelleiro de Seguridade Cidadá, Emerxencias, Mobilidade e Tráfico de Sarria, Félix Seijas. Tamén estiveron o comisario provincial da Policía Nacional en Lugo, Luis Romero Pérez; e o xefe da Comandancia da Garda Civil de Lugo, Luis Germán Avilés Cabrera.
As mulleres son xa maioría entre as persoas que realizan o Camiño de Santiago, no que vai de ano, máis de 100.000 mulleres completaron algunha das rutas xacobeas fronte a 85.000 homes, unha tendencia que continúa medrando e que, en moitos casos, leva ás peregrinas a realizar o percorrido sen compaña. Pedro Blanco explicou que a campaña está pensada para que todas elas poidan realizar o Camiño con seguridade e contando con información sobre os recursos de protección e atención dispoñibles ao longo das distintas rutas. Para iso, distribúense 41.500 tarxetas informativas e 1.700 carteis en albergues, oficinas de turismo, dependencias das Forzas e Corpos de Seguridade, centros sanitarios, farmacias e hospitais públicos.
O material está dispoñible en galego, castelán e inglés e inclúe información sobre os recursos de emerxencia e sobre a aplicación AlertCops, que permite comunicar alertas en tempo real e compartir a localización das persoas usuarias. A iniciativa enmárcase no compromiso do Goberno coa loita contra as violencias machistas e coa promoción da igualdade. Neste sentido, agradeceu a colaboración do Concello de Sarria, punto de partida de 7 de cada 10 peregrinas, dos concellos implicados, do persoal sanitario, das Unidades contra a Violencia sobre a Muller das subdelegacións do Goberno, dos colexios farmacéuticos e das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que participan no desenvolvemento desta campaña.
non camiñas soa
Pedro Blanco resaltou por último a boa acollida dun ‘Non Camiñas Soa’, que cumpre xa cinco anos e forma parte do obxectivo do Goberno de avanzar cara a unha sociedade máis segura e máis libre para todas as mulleres. A campaña “Non camiñas soa” desprega unha ampla rede de información en espazos clave das rutas xacobeas onde as peregrinas dispoñen de materiais informativos dotados cun código QR que enlaza de xeito directo cos servizos de asistencia e coas forzas de seguridade. Como ferramenta tecnolóxica central de protección, a campaña promove o uso da aplicación móbil de balde AlertC, desenvolvida polo Ministerio do Interior. Esta plataforma inclúe a funcionalidade específica “Guardián Benemérito”, operada pola Garda Civil, que permite ás usuarias compartir a súa xeolocalización en tempo real ao longo do traxecto. Deste xeito, en caso de emerxencia, extravío ou perigo, as autoridades poden activar unha alerta inmediata e localizar á peregrina de forma rápida e precisa en calquera treito da ruta. Ademais da aplicación, están operativos as 24 horas os teléfonos de emerxencia 112, o 062 da Garda Civil, o 091 da Policía Nacional e o 016, o servizo telefónico gratuíto de atención integral contra a violencia de xénero que non deixa rastro na factura do móbil.

Pedro Blanco, campaña Non camiñas soa / Deelegación do Goberno

