O Concello de Chantada renova a subvención para contar un ano máis co servizo do CIM para os municipios de Taboada, Carballedo e Chantada. O Centro de Información á Muller ofrece atención personalizada á muller en materia de igualdade, dando cobertura gratuíta a nivel xurídico e psicolóxico a calquera muller que o precise, independentemente do seu domicilio, e a persoas do colectivo LGTBI. Parte importante do seu traballo é a atención ás mulleres en situación de vulnerabilidade, especialmente mulleres e menores vítimas de violencia de xénero.
Ademais de asesoramento personalizado ás distintas problemáticas que se dean na muller a nivel sociolaboral, profesional ou familiar, desde o CIM promóvese a igualdade con campañas de sensibilización e actividades de prevención da violencia de xénero.
“O CIM desenvolve un intenso traballo cos centros educativos, prográmanse políticas de conciliación, actualízanse as subvencións para poder ter actividades gratuítas e faise un seguimento do Plan de Igualdade; ademais dese asesoramento á muller a nivel legal ou psicolóxico”, explica a concelleira de Igualdade, Pamela Fernández.
As consultas xurídicas que chegan ao CIM de Chantada son diversas e das diversas ordes xurisdiscionais: social (contratación, despedimentos, dereitos laborais…), civil (vivenda, herdanzas, capacidades, etc). En todo caso a maioría das consultas están relacionadas co dereito de familia (relacións paterno-filiais, divorcios, impago pensións,etc.), asistencia xurídica gratuíta e ca atención integral ás vítimas de violencia de xénero, o seguimento nos procesos iniciados e a asistencia nas xestións xurídicas que procedan. “Somos un primeiro recurso que ofrece o asesoramento necesario, non somos representantes das mulleres ante os tribunais”, aclara a avogada do CIM, Beatriz Fernández.
Respecto o ámbito psicolóxico, ofrécese acompañamento especializado con perspectiva de xénero e confidencial, a mulleres que están atravesando malestar emocional, situacións de violencia de xénero ou dificultades derivadas de distintos procesos vitais. “O noso obxectivo é crear un espazo no que se sintan escoitadas, fortalezan os seus recursos persoais e sobre todo recuperen o seu benestar emocional e a súa autoestima” explica a psicóloga do CIM, Ana Belén Fernández.
A concelleira de Igualdade, Pamela Fernández, lembra que, “aínda que a estrutura de funcionamento do CIM fai que moitas mulleres sexan derivadas aquí desde outros servizos pola colaboración transversal neste tipo de situacións, calquera muller vítima de violencia de xénero ou nunha circunstancia de vulnerabilidade pode achegarse ao servizo e comezar a recibir apoio”. As mulleres nunha situación máis vulnerable son moitas veces derivadas ao CIM desde Servizos Sociais, desde a Sanidade, os Xulgados, a Garda Civil ou a través da Rede Galega de Acollida.
Máis información no cim@concellodechantada.org, a través do teléfono 982 46 22 99 ou na web do Concello de Chantada.

Edificio Multiusos Chantada / Concello de Chantada

