A escritora e ilustradora Estefanía Padullés, afincada no rural do Concello de Paradela, presentará este venres, 26 de xuño, a súa primeira novela ‘Memoria de sombra y bosque‘. O acto terá lugar ás 19:00 horas no Centro Sociocultural Manuel Oreste Rodríguez López e contará coa contará coa presenza da alcaldesa de Paradela, Montserrat Mulet Sar, e o escritor e xornalista Xulio Xiz Ramil.
Ademais de dar a coñecer a novela ao público que asista á devandita presentación, a autora e os seus acompañantes na mesa aproveitarán o tema da obra para “abrir un espazo de diálogo sobre a saúde mental e a responsabilidade colectiva”.
Dende o Concello de Paradela fan un chamamento a todas as veciñas e veciños e máis persoas interesadas para asistir a este encontro cultural co obxectivo de fomentar a reflexión sobre os retos que atravesa a mocidade actual.
A NOVELA: ‘MEMORIA DE SOMBRA Y BOSQUE’
Editada por Hércules de Ediciones, a novela supón un xiro na traxectoria de Padullés. Tendo acostumado ao seu público ao álbum ilustrado e aos relatos infantís, con esta nova obra adéntrase no xénero da novela. E faino, en palabras da súa editorial, “cunha narrativa cruda que explora a fraxilidade extrema durante a adolescencia”.
O texto nace dun rigoroso proceso de documentación sobre casos reais de mozos tutelados polas institucións. A través deste traballo, a escritora pretende visibilizar a realidade daqueles menores que, ao seren etiquetados como “problemáticos”, quedan á marxe da sociedade. “É unha historia sobre os abandonados e os esquecidos, necesitados dun contorno que lles garanta a supervivencia e un pouco de cariño”, apunta Padullés.


