Este curso, que chega tras a boa acollida do pasado ano na súa primeira edición, está estruturado en cinco unidades temáticas, pensadas para acompañar o proceso de aprendizaxe dun xeito gradual, práctico e conectado coa realidade galega. Cada unidade integra contidos de fonética, para familiarizarse cos sons do galego e mellorar a pronuncia; de gramática, centrada nas estruturas básicas e frecuentes da lingua; de léxico útil, cun enfoque comunicativo para situacións cotiás, e culturais, nos que tamén hai unha aproximación á historia do galego.
Plantéxanse 20 horas de formación, podendo inscribirse no curso unha vintena de persoas. Para facilitar o seguimento do mesmo elaboráronse materiais en liña descargables que agora están dispoñibles de xeito gratuíto no Portal de Lingua para calquera persoa interesada. Será totalmente gratuíto para o alumnado e non terá custe algún para o concello ao estar impulsado e financiado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Dende a Concellería de Dinamización Lingüística infórmase que, en canto se coñezan os meses nos que se conceda a formación a Quiroga, farase saber para que a veciñanza interesada se inscriba. Así mesmo, anima a participar e lembra que o concello segue impulsando accións para poñer en valor o galego, normalizalo e incentivar o seu uso. “Ademais de poñer en valor a nosa lingua, o curso servirá de ferramenta de inclusión dos novos quirogueses, xente que chegada de fóra pode recuperar a nosa economía e o noso censo poboacional”, asegura Xosé Manuel Fernández e lembra, que “tamén se poderá matricular calquera outra persoa que teña interese en ter unha formación básica sobre a nosa lingua e a nosa cultura”.

