HomePolíticaO BNG reclama ao Goberno investigar os apagamentos de Chantada e garantir...

O BNG reclama ao Goberno investigar os apagamentos de Chantada e garantir que se produzan novos cortes

Ante os reiterados cortes de subministración eléctrica no termo municipal de Chantada, o deputado do BNG no Congreso reclama ao Goberno unha investigación para coñecer as causas dos apagamentos, o reforzo dos mecanismos de control sobre a empresa distribuidora e actuacións necesarias para garantir que unha situación desta gravidade non volva repetirse.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

En menos dunha semana, Chantada sufriu dous apagamentos que deixaron sen electricidade durante varias horas o casco urbano e as 36 parroquias do municipio, provocando importantes perdas económicas e numerosos trastornos á veciñanza, ao pequeno comercio, á hostalaría e ás explotacións do sector primario.

Para o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, “non estamos diante dun incidente illado nin dunha simple coincidencia. Dous apagamentos de grande magnitude na mesma infraestrutura e nun prazo de poucos días evidencian que é necesario esclarecer o sucedido e determinar se existen deficiencias no mantemento e na planificación da rede eléctrica”.

O deputado nacionalista lembra que os cortes provocaron perdas de alimentos, avarías en equipamentos eléctricos e de telecomunicacións, interrupcións do servizo telefónico en distintos núcleos do concello e mesmo que numerosas alarmas permanecesen activadas durante horas, impedindo o descanso da veciñanza. “As consecuencias dun servizo deficiente recaen sempre sobre as familias, os negocios e as explotacións agro-gandeiras, mentres a empresa limítase a falar dunha suposta coincidencia que non resulta convincente” afirma.

Por este motivo, o BNG reclama ao Goberno abrir unha investigación e requirir á empresa distribuidora un informe técnico completo sobre as avarías rexistradas na liña de media tensión e nos transformadores afectados, co obxectivo de coñecer as causas reais dos apagamentos e depurar todas as responsabilidades que correspondan.

Así mesmo, Néstor Rego demanda ao executivo exercer as súas competencias de inspección e control para garantir o cumprimento dos estándares de calidade da subministración eléctrica estabelecidos na Lei do Sector Eléctrico. A iniciativa do Bloque tamén reclama que as administracións competentes supervisen as reclamacións presentadas polas persoas afectadas para garantir que reciban as indemnizacións e compensacións que lles correspondan polos danos sufridos.

Finalmente, o BNG solicita ao Goberno que faga públicos os datos sobre a calidade da subministración eléctrica en Chantada nos últimos cinco anos, así como os expedientes informativos ou sancionadores que puidesen tramitarse contra a empresa distribuidora por incumprimentos da normativa.

ÚLTIMAS

Premio ao Mellor Documental para o Colexio Escolapios de Monforte nun Festival Escolar Internacional

O Real Colexio Escolapios de Monforte vén de recibir o premio ao mellor documental...

Xa se coñecen os gañadores do XII Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra

O Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra celebrou este sábado a súa xornada...

A cafetería do Complexo Deportivo da Pinguela será de libre acceso tamén para o público xeral

A cafetería do Complexo Deportivo da Pinguela comezou xa a prestar servizo ás persoas...

A Deputación arranxará a LU-P-4707 que comunica Veneira con Roques na Pobra do Brollón

O representante do PSdeG, Adolfo Rubio, valora que a Deputación se reunise directamente coa...