HomesociedadeO GDR Ribeira Sacra Courel impulsa un proxecto de campus rural para...

O GDR Ribeira Sacra Courel impulsa un proxecto de campus rural para reforzar a promoción do territorio

A iniciativa, desenvolvida en colaboración co Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a Universidade da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela, incorpora alumnado universitario para crear novos contidos audiovisuais sobre os trece concellos da Ribeira Sacra-Courel.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra-Courel vén de iniciar o proxecto “Territorio Ribeira Sacra-Courel: Comunicando Ruralidade”, unha iniciativa enmarcada no programa Campus Rural do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), desenvolvida en colaboración coa Universidade da Coruña (UDC) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O proxecto aposta pola incorporación de talento universitario ao medio rural para impulsar unha estratexia de comunicación audiovisual que contribúa a reforzar a imaxe da Ribeira Sacra-Courel, poñendo en valor os seus recursos naturais, culturais e etnográficos e fortalecendo a identidade compartida do territorio.

Durante os meses de xullo a setembro participan nesta iniciativa Jaziel Colorado, estudante do Grao en Ciencias da Comunicación da UDC, e Antón Pena, alumno do Grao en Enxeñaría Informática da USC, que desenvolverán actuacións de planificación, produción de contidos e mellora da comunicación dixital do GDR. O equipo complétase con Clara Losada, estudante en prácticas do Grao en Ciencias Económicas.

A coordinación do proxecto corre a cargo de Cristina Díaz e Enrique González, técnicos do GDR Ribeira Sacra-Courel, en colaboración co profesorado

Ademais da mellora da comunicación institucional, o proxecto persegue incrementar o recoñecemento da marca territorial Ribeira Sacra-Courel, fortalecer o sentimento de pertenza entre a poboación e achegar a realidade do medio rural ás novas xeracións a través da participación directa de estudantes universitarios.

O presidente do GDR Ribeira Sacra-Courel, José Manuel Arias López, considera que esta iniciativa representa unha oportunidade para estreitar a relación entre a universidade e o territorio: “Os grupos de desenvolvemento rural debemos abrirnos á xuventude e colaborar coas persoas universitarias para que coñezan de primeira man o potencial do noso territorio. Nas portas do rural hai moita xente no sentido de saída e pouca no sentido de entrada; tentemos abrir portas e crear novas oportunidades para que cada vez máis persoas vexan o rural como un espazo de futuro.”

O proxecto “Territorio Ribeira Sacra-Courel: Comunicando Ruralidade” foi presentado á Xunta Directiva da Asociación para o Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra-Courel durante a Asemblea 1/2026, celebrada o pasado 30 de xuño no Concello de Triacastela, onde se informou das actuacións previstas e da súa contribución á estratexia de promoción e dinamización do territorio.

Con esta iniciativa, o GDR Ribeira Sacra-Courel reafirma o seu compromiso coa innovación, coa comunicación territorial e coa creación de novas alianzas entre institucións, universidade e medio rural para construír unha imaxe máis forte, cohesionada e atractiva da Ribeira Sacra-Courel.

ÚLTIMAS

A cafetería do Complexo Deportivo da Pinguela será de libre acceso tamén para o público xeral

A cafetería do Complexo Deportivo da Pinguela comezou xa a prestar servizo ás persoas...

A Deputación arranxará a LU-P-4707 que comunica Veneira con Roques na Pobra do Brollón

O representante do PSdeG, Adolfo Rubio, valora que a Deputación se reunise directamente coa...

Chantada mellora as canchas e automatiza o acceso ás Pistas de Tenis

O Concello de Chantada vén de acometer novas melloras nas Pistas de Tenis do...

Abertas as inscricións para o II Mercado de Nadal de Pantón

O Concello de Pantón volve apostar na súa programación de Nadal polo Mercado de...