HomesociedadeArtesanía de Galicia no Courel ata o 9 de agosto

Artesanía de Galicia no Courel ata o 9 de agosto

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegáronse ata Folgoso do Courel, onde se está a desenvolver dende o mércores a sexta edición de Artesanía de Galicia no Courel, un evento dedicado exclusivamente á divulgación e á posta en valor dos oficios artesanais e da marca Artesanía de Galicia.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Durante a súa visita, destacaron que esta iniciativa contribúe a achegarlle á sociedade o produto artesanal e os valores da artesanía ao tempo que vincula a creación artesanal coa paisaxe e co rural. Como en edicións anteriores, o evento está organizado pola Fundación Artesanía de Galicia e conta coa colaboración do Concello de Folgoso do Courel e da Fundación Uxío Novoneyra.

Ata o domingo 9 de agosto, as persoas que se acheguen ata Folgoso do Courel poderán participar en calquera dos 11 obradoiros abertos a todo tipo de públicos, centrados na estampaxe, no tecido tradicional en tear, na elaboración de pinturas e na encadernación.

Na Casa do Concello celébranse os obradoiros de Técnicas de cerámica en mesa, impartido por Olalla Lojo de Misoco Designs, e os obradoiros de estampaxe impartidos por Sandra Betanzos, de Amor ó teu, cuxa temática variará cada un dos días. Así, onte realizouse o de Creación de selos e estampaxe dun caderno e hoxe o de Estampaxe dun pano coa técnica do esterxido, que se repetirá o domingo 9, mentres que mañá traballarase coa técnica da serigrafía e tipografías sobre unha camiseta. O horario destes cursos é de 10,30 a 13,30 h. e de 16,00 a 18,00 h.

Pola súa banda, na Fundación Uxío Novoneyra desenvólvese un obradoiro de tecido en tear manual centrado na técnica de felpado ou gorullo, impartido por Lourdes Otero, de Fusaiola. Ademais, María José Martínez e José Antonio Carrera, de Peixesapop, ofrecen catro propostas diferentes ao longo do evento. Iniciaron a programación cun taller de elaboración de pinturas con pigmentos, continuaron cun obradoiro sobre a técnica artística da prancha de xel aplicada ao tecido, e o venres e o sábado dedican as sesións á creación de libros infinitos; o domingo pecharán o programa cun obradoiro de encadernación australiana. O horario destas actividades é de 11, 00 a 13,30 h. e de 16,00 a 18,00 h.

Esta sexta edición de Artesanía de Galicia no Courel inclúe tamén cinco cursos de iniciación a distintos oficios artesanais, para os que foi preciso realizar inscrición previa. As propostas abranguen a ourivería, a ebanistería, a cerámica, o tecido e a cestería.

Na Casa do Concello impártese o curso de Iniciación ao torno cerámico, a cargo de Carlos San Claudio, en horario de 10,30 a 13,30 h. e de 16,00 a 18,00 h. Os outros catro cursos, que comezan ás 11.00 horas, distribúense en diferentes espazos do municipio. Na Antiga Escola Unitaria de Parada celébranse os cursos de Iniciación á ourivería, impartido por Susi Gesto, e Técnicas de ebanistería, a cargo de Rodrigo Mosquera, do obradoiro Tresoficios. Pola súa parte, no aloxamento rural A Carbiña desenvólvense os cursos Tecendo o chal das danzas, impartido por Lola García, do obradoiro Logaro, e Máscaras e aldeas de vimbio, dirixido pola cesteira Julia de la Cal, de La Parabólica.

Artesanía de Galicia no Courel / Delegación territorial

ÚLTIMAS

Triacastela recibe a Antonio Barros e iAlma co espectáculo “O Camiño de Vieiras Amarelas”

Triacastela será este sábado unha nova etapa de "O Camiño de Vieiras Amarelas", o...

Propostas para mellorar o enoturismo na Ribeira Sacra: redistribución de actividades, ferramentas dixitais e formación do sector

O traballo, Propostas de acción para o enoturismo en Galicia e Rexión Norte de...

Obradoiro de pasatempos en galego para alumnado de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso

O alumnado do CEIP San Clodio, do CEIP de Quiroga e do CPI Uxío...

Alumnado dos centros educativos de Chantada reinterpretan ao artista local Manuel Jorge nunha exposición

A exposición "Manuel Jorge. Unha mirada nova", inaugurada este luns 21 de setembro no...