Homesociedade"Un recoñecemento ás persoas que cada día traballan por impulsar Monforte" afirmaba...

“Un recoñecemento ás persoas que cada día traballan por impulsar Monforte” afirmaba José Manuel Rodríguez no pregón das Patronais

O Director xeral da Cooperativa Lemos-CELEGA exerceu como pregoeiro nun acto na Casa do Concello no que reivindicou o orgullo de ser monfortino e o potencial económico e social de Monforte. O alcalde destacou a traxectoria empresarial do pregoeiro e explicou que a súa elección representa tamén unha homenaxe ao conxunto do tecido empresarial e emprendedor do municipio.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Este martes comezaban as Festas Patronais de Monforte coa lectura do pregón, o acendido da iluminación e o foguete que anuncia tamén a celebración. O pregón correu a cargo do empresario monfortino José Manuel Rodríguez Fernández, Director Xeral da Cooperativa Lemos-CELEGA e propietario e xerente de Autos Lemos e Transportes Agustín, que ofreceu un discurso marcado polo orgullo de ser de Monforte, polos seus recordos persoais vinculados ás festas e pola reivindicación do potencial económico e social da cidade.

O acto contou coa presenza dos membros do Equipo de Goberno e da Corporación Municipal, así como doutras autoridades e numerosos veciños e veciñas. Na súa intervención, o alcalde amosou a súa satisfacción por dar comezo, un ano máis, ás Festas Patronais na honra da Virxe de Montserrat, patroa de Monforte e de todo o Val de Lemos, e salientou o carácter participativo e aberto das celebracións, que ofrecen durante o mes de agosto unha ampla programación gratuíta para toda a cidadanía.

José Tomé destacou a traxectoria do empresario e explicou que a elección de José Manuel Rodríguez como pregoeiro quere ser tamén unha homenaxe e un recoñecemento ao conxunto dos empresarios e emprendedores monfortinos, como mostra do apoio do Concello ao tecido empresarial local.

Pola súa banda, José Manuel Rodríguez manifestou a honra que supuxo para el a elección como pregoeiro non tanto a nivel individual, senón como unha homenaxe ao conxunto do tecido económico e produtivo de Monforte: “O Alcalde e o Equipo de Goberno atinaron na elección do pregoeiro destas Festas Patronais, porque non me escolleron a min, escolleron un representante, unha cabeza visible do sector agrogandeiro, do sector industrial e do sector comercial de Monforte”.

Rodríguez reivindicou o papel dos emprendedores, empresarios, autónomos, transportistas, gandeiros, comerciantes e traballadores, persoas que, segundo explicou, “cada día contribúen a sacar adiante as súas familias e a facer que Monforte siga medrando”.

No seu discurso, José Manuel Rodríguez lembrou tamén os veráns vividos en Monforte na casa da súa familia e asegurou que nunca faltou ás Festas durante a súa infancia e xuventude. “Monforte nestes días ten algo especial. Hai un ambiente que non se pode explicar, hai que vivilo”, sinalou. Puxo tamén o foco no traballo e no esforzo do sector primario, e reivindicou o labor dos gandeiros lembrando que “detrás de cada litro de leite existen familias, sacrificio, madrugóns e traballo todos os días do ano, tamén durante os domingos, Nadal ou Festas Patronais”. “Porque o campo non entende de calendarios”, afirmou, destacando o compromiso dos socios da Cooperativa Lemos: “Manter vivo o rural tamén é facer país”.

Con vistas a futuro

O pregoeiro animou especialmente á mocidade a confiar nas súas posibilidades e a apostar por seguir aquí: “Estou convencido de que temos unha mocidade moi preparada; só necesitamos que crean nas súas posibilidades e que entendan que o éxito, case sempre, constrúese pouco a pouco”.

Así mesmo, o pregoeiro puxo en valor a evolución experimentada por Monforte nos últimos anos e destacou a existencia de servizos, equipamentos e un polígono industrial en crecemento, xunto con empresas que crean emprego e unha cidade “viva e chea de posibilidades”. Como empresario, indicou, “estou convencido de que esta cidade ten un enorme potencial para atraer máis empresas, máis investimento e máis oportunidades”, e reivindicou o orgullo de ser monfortino: “Os de Monforte somos moi de Monforte, é algo que levamos dentro”.

Finalmente, José Manuel Rodríguez fixo un chamamento á cidadanía a saír á rúa, encher as prazas e gozar das Festas, da música, das actividades culturais, das verbenas e dos encontros con familiares e amigos. Ao mesmo tempo, pediu vivir as celebracións con responsabilidade: “As mellores festas son aquelas nas que todos podemos volver á casa cun sorriso”, afirmou.

ÚLTIMAS

Espertamonforte e BNG denuncian os riscos da ‘Senda Verde Monfortina’

O proxecto de restauración ambiental e creación de sendas peonís nas marxes dos regatos...

Antom Garcia presenta na Pobra do Brollón un ensaio sobre a pegada da emigración galega en Lisboa

A través de fontes históricas e literarias, o ensaio de Antom Garcia Rodrigues indaga...

Triacastela recibe a Antonio Barros e iAlma co espectáculo “O Camiño de Vieiras Amarelas”

Triacastela será este sábado unha nova etapa de "O Camiño de Vieiras Amarelas", o...

Propostas para mellorar o enoturismo na Ribeira Sacra: redistribución de actividades, ferramentas dixitais e formación do sector

O traballo, Propostas de acción para o enoturismo en Galicia e Rexión Norte de...