No caso de Monforte a petición adquire especial relevancia ao coincidir coa celebración das Festas Patronais de Monforte, un período no que se produce un incremento da actividade e da afluencia de persoas na cidade.
Faise especial fincapé na necesidade de limitar o consumo de auga en usos como o rega de xardíns, hortas e zonas verdes, así como o enchido ou renovación da auga das piscinas. “Estamos nunha situación na que todos temos que poñer da nosa parte. A auga é un recurso esencial e debemos utilizala con responsabilidade, especialmente nestes momentos. Durante as Festas Patronais teremos máis actividade e máis xente na cidade, polo que é importante que evitemos consumos innecesarios, como pode ser o rego excesivo de xardíns e hortas ou o enchido das piscinas”, sinala José Tomé.
Solicítase tamén a colaboración dos establecementos, negocios e actividades que desenvolven a súa actividade na cidade. Desde o Concello lembran que pequenos xestos de aforro por parte de cada persoa poden ter un importante efecto no consumo global, polo que se pide á cidadanía que adopte estas medidas de maneira especial durante as Festas Patronais e mentres se manteña a situación de seca.
Os diferentes concellos agradecen a colaboración dos veciños e veciñas e fan un chamamento á responsabilidade colectiva para contribuír a preservar este recurso esencial.

