A Deputación lamenta que se utilice este expediente para cuestionar o compromiso da Deputación coas persoas maiores cando conta con nove Centros de Atención a Maiores en funcionamento, preto de 400 persoas residentes e arredor de 300 traballadores. A este respecto lembra que a atención residencial a maiores, “é competencia da Xunta de Galicia, non é unha competencia propia das Deputacións.
No caso de Folgoso do Courel asegura que “a propia Xunta de Galicia comprometeuse coa construción dunha residencia neste municipio” e considera que unha vez pechado este procedemento administrativo, “a Xunta debe cumprir co compromiso adquirido con Folgoso do Courel e coas súas responsabilidades como administración competente”.
Neste senso, o organismo provincial asegura estar disposto a entregar á Xunta, “se cumpre co compromiso adquirido”, o proxecto e o traballo realizado ata o momento, facilitando o que estea ao seu alcance para que a residencia sexa unha realidade.
“A Deputación non vai entrar nunha guerra política por este asunto. Pero tampouco vai permitir que se utilice un expediente administrativo concreto para ocultar o debate de fondo: quen ten a competencia en materia de residencias e quen debe garantir que a provincia conte con suficientes prazas públicas para atender as persoas maiores”, conclúe a institución provincial.

