Artesanía, produtos da terra e gastronomía centraron unha xornada que contou tamén con obradoiros participativos, degustacións e actividades para os máis pequenos, entre outras propostas. O alcalde do Incio, Héctor Corujo, acompañado por parte do equipo de Goberno, pola directora territorial de Emprego, Carmen López, e polo deputado provincial Antonio Ameijide, visitou os postos da feira, entre eles os de produtores locais de mel e arandos. Tamén se achegaron á degustación de xamón de porco celta, ofrecida por Cárnicas Teijeiro S.L
Música e a degustación de iscos de porco celta no guizo completaron a programación destas actividade que se desenvolveu na Praza de España e que contou coa colaboración da Fundación Artesanía de Galicia con tres obradoiros abertos e gratuítos que iniciaron a todo tipo de públicos en diferentes oficios.
O ceramista Carlos San Claudio encargouse do obradoiro de ‘Iniciación ao torno cerámico’. Olalla Lojo, de Misoco, impartiu o obradoiro ‘Transferencia de imaxes con engobes sobre cerámica’, debuxar sobre papel e posteriormente transferir estas imaxes ao barro. Mentres que Leonor Díaz, de Como pez en el agua, realizou un obradoiro de pintura sobre téxtil.
A Feira de Artesanía de Produtos da Terra é unha iniciativa do Concello do Incio para promover o turismo e a cultura na zona, así como para dar a coñecer o traballo dos artesáns galegos. A cita está xa consolidada na zona e contribúe a dinamizar a actividade local.

XVI Feira de Artesanía e Produtos da Terra do Incio / Concello do Incio

