O Concello de Sober conta os días para celebrar as festas na honra á Virxe do Carme, un evento marcado no calendario local que vai superando a súa programación ano tras ano. Ademais, cadrando coa vendima practicamente rematada, moita veciñanza vencellada á viticultura terá máis marxe e alivio para festexar.
Ao longo das catro xornadas, días 18, 19, 20 e 21 de setembro, haberá actividades para todos os públicos. Dende actos relixiosos ata unha ampla oferta musical, e pasando por outras propostas relacionadas co lecer e a cultura. E como peche, o evento gastronómico que resulta tan atractivo para a veciñanza: unha paellada xigante a cargo do cociñeiro José Arias.

PROGRAMA COMPLETO
O venres 18 de setembro comezan os festexos co III Torneo de Catán ás 20:00 h e a actuación de A Gramola Tour Truck ás 23:00 horas.
Chegados ao sábado 19, a xornada comezará co pasarrúas a cargo do Grupo Mallou. A continuación terá lugar a Misa Solemne ás 13:00 h e despois sesión vermú tamén da man do Grupo Mallou.
Pola tardiña, ás 19:30 h a Praza do Toural de Sober acollerá unha función de teatro familiar. A compañía Fantoches Baj levará a escena “A viaxe feliz de Ramón San Fiz”. A continuación, ás 20:30 h presentarase a curtametraxe “Cara de cona”, do director Guillermo Oliveira, no Centro Sociocultural da localidade. A obra audiovisual, considerada como comedia negra, foi rodada nos concellos de Pantón e Sober, recibiu xa varios recoñecementos e opta á nominación para os Premios Goya.
Contra a noite, ás 21:30 hai programada unha actuación de Alma Latina, é as 23:00 h ofrecerá un concerto folk o grupo Óscar Ibáñez & Tribo.
O domingo 20 comezará co pasarrúas da Banda de Música de Sober, e despois terán lugar os actos relixiosos centrais das festas. Ás 13:00 h será a procesión co acompañamento da Banda de Música de Sober e oficiarase tamén unha Misa Cantada co Coro Berea.
Ás 14:00 h concerto vermú tamén da agrupación local anterior, e para rematar a xornada, ás 21:00 h a Panorama City amenizará a verbena.

E como todo o bo remata, o luns 21 Sober despídese das Festas do Carme 2026 cunha Misa na Igrexa Nova ás 12:30 h e unha Paellada Xigante de balde para todos os asistentes a cargo do Mestre cociñeiro José Arias a partir das 20:30 h. O acompañamento musical fin de festa correrá a cargo do Dúo Estrellas.
Ademais do Concello de Sober, colaboran coas festas a Xunta de Galicia e os programas Falaredes (Política Lingüística) e Tradigalu (Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo).

